A startup Kreios Space foi galardoada nos Premios EmprendeXXI como a de maior impacto en Galicia. Con sede en Lugo e instalacións en Vigo, esta empresa dedicada ao sector aeroespacial participou na quinta edición do programa Business Factory Aero (BFAero), iniciativa que forma parte da rede de aceleradoras da Xunta de Galicia.
Kreios Space desenvolve sistemas de propulsión eléctricos e sostibles para satélites. A súa innovadora tecnoloxía, ABEP (Air-Breathing Electric Propulsion), permite reducir as órbitas actuais nas que operan os satélites, diminuíndo o custo das misións e a xeración de lixo especial, á vez que incrementan o tempo de vida deste tipo de vehículos.
Recoñecemento á innovación
Os Premios EmprendeXXI destacan o espírito emprendedor das startups que xeran un maior impacto no seu territorio e ofrecen as mellores solucións aos desafíos do futuro. Impulsados polo Ministerio de Industria e Turismo, a través de Enisa, e CaixaBank, a través de DayOne, a súa división especializada en empresas tecnolóxicas e os seus investidores, en Galicia contan co apoio do Igape.
Kreios Space foi distinguido fronte a outras 31 candidaturas que se presentaron na última edición dos galardóns de Galicia. A startup recibe un premio en metálico de 6.000 euros, acceso a un programa de formación Moonshot Thinking en colaboración con ESADE e tamén viaxará a Berlín para completar o acompañamento internacional nunha iniciativa organizada co ICEX.
Ademais, Kreios Spacie poderá participar nos Investors Day EmprendeXXI, xornadas durante as cales poderá manter contacto co ecosistema investidor e empresas interesadas en colaborar co emprendemento.
Doutra banda, a compañía formará parte da comunidade AlumniXXI, que se consolidou como un punto de encontro para o intercambio de coñecementos, ideas e experiencias entre as e os fundadores das empresas premiadas ao longo da historia dos Premios EmprendeXXI. Trátase dunha iniciativa que combina unha comunidade virtual e encontros presenciais que axuda a reforzar vínculos e crear sinerxias entre as persoas premiadas e o ecosistema emprendedor e da innovación.
Un ecosistema de innovación dinámico
Kreios Space, que se trasladou a Galicia tras o seu paso pola quinta edición de BFAero, contou co apoio dun equipo de titores e expertos no sector aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados, e accedeu a early adopters e clientes e a entidades investidoras públicas e privadas.
Nas últimas cinco edicións, Galicia foi capaz de consolidar un ecosistema de innovación dinámico e robusto no que participan máis de 55 entidades que cooperan co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos emprendedores da industria aeroespacial e aeronáutica, tecendo unha rede de colaboración para o impulso e escalado de tecnoloxías disruptivas que resolvan retos das empresas e da sociedade.
A pegada industrial que xerou a BFAero tradúcese en tres ámbitos. Xunto á creación de novas empresas, 46 en total desde 2018, o programa impulsou a consolidación dun operador de referencia no sector, como é o caso de Aeromedia, e propiciou tamén o traslado a Galicia da sede de startups como Kreios Space e FuVex.



