A Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial impulsado pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL, volve ocupar o primeiro posto no ranking nacional de aceleradoras elaborado pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e a Universidad Rey Juan Carlos neste 2025.

Un total de 57 aceleradoras de toda España participaron na análise que sitúa a BFaero como número un na categoría de Aceleradoras Avanzadas así coma no ranking global de programas de aceleración para o período 2025/2026. Trátase dun novo recoñecemento ao compromiso coa innovación, o talento e o emprego cualificado no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, e que consolida á BFAero como referente estatal no apoio ao emprendemento tecnolóxico.

Segundo explicou a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, este recoñecemento supón un “aval máis ao modelo da Xunta” no seu esforzo por “fortalecer o ecosistema aeroespacial galego, atraer talento e xerar emprego cualificado na nosa comunidade”. Neste senso, Covadonga destacou o papel tractor que xoga a BFAero para posicionar Galicia como un polo de innovación tecnolóxica e “impulsar a transferencia de coñecemento entre empresas, centros de investigación e a Administración”.

Un ecosistema de referencia no sector aeroespacial

Para a súa sexta convocatoria, que pechou o prazo de inscrición a finais de marzo e que bota a andar nestes días, a BFAero conseguiu atraer máis o interese de 110 proxectos: deles, o 57% procederon de emprendedores nacionais e internacionais, incluíndo países como Alemania, Holanda ou o Reino Unido, mentres que o 43% restante se correspondeu con propostas galegas.

As candidaturas distribuíronse entre os tres itinerarios do programa: o 48% dos proxectos inscritos optaron á fase de Incubación, o 37% á de Aceleración e o 15% á de Consolidación. Cada fase está deseñada para acompañar ás startups desde a idea inicial ata a internacionalización, con apoio técnico, mentorización especializada e acceso a financiamento público e privado. Así, a través do Igape e Xesgalicia, e dependendo o itinerario, os proxectos optan a axudas directas de ata 60.000 euros e a participación en roldas de investimento de ata 250.000 euros.

Desde a súa posta en marcha en 2018, a Business Factory Aero apoiou xa 46 proxectos empresariais que mobilizaron preto de 7,8 millóns de euros de investimento e acadaron unha facturación conxunta de 9,2 millóns de euros no último ano. O impacto do programa tamén se reflicte na creación dun ecosistema industrial dinámico, con máis de 55 entidades colaboradoras e casos de éxito internacional como Aeromedia, Kreios, FuVex ou Fly-Fut así como a creación de más de 220 postos de traballo dos que máis do 73% son cualificados (doctorado/ master).

Informe completo