FuVeX asinou co grupo Naturgy o maior contrato de drons civís en España, consolidando o seu liderado na inspección de infraestruturas eléctricas. FuVeX foi unha das empresas participantes da cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero), iniciativa que forma parte da rede de aceleradoras da Xunta de Galicia.
Este acordo permitirá a FuVeX supervisar os case 40.000 quilómetros de liñas aéreas de Alta e Media Tensión de UFD en España ata 2026, con opción de prórroga ata 2028, utilizando drons de longo alcance equipados con sensores visuais, térmicos e LiDAR para crear un xemelgo dixital da rede.
A tecnoloxía de FuVeX representa unha innovación disruptiva na xestión da inspección e o mantemento das infraestruturas eléctricas. Os drons de longo alcance desenvolvidos por esta scale-up achegan melloras en eficiencia operativa, xa que cada dron é capaz de cubrir 50 quilómetros diarios de liña eléctrica, cinco veces máis que os drons convencionais. A empresa xa traballa en alcanzar o obxectivo de 200 km diarios.
O uso dos drons ofrece dúas vantaxes máis, a redución de emisións de Co2 en cada voo, minimizando o impacto ambiental, e o incremento da seguridade na inspección de infraestruturas, xa que reduce as situacións de risco en contornas complexas.
Impulso de BFAero
FuVeX destacou durante o seu paso polo itinerario de consolidación da 4.ª edición de BFAero, onde contou co apoio de todos os recursos desta aceleradora e dun sólido ecosistema aeronáutico e aeroespacial.
A súa participación en BFAero foi un paso importante máis para o desenvolvemento e consolidación de FuVeX no mercado aeroespacial, así o recalcou Carlos Matilla, CEO de FuVeX, “o noso paso por BFAero serviunos para optimizar o modelo de desenvolvemento e poñer foco no verdadeiramente diferencial nas nosas áreas de especialización. Doutra banda, supuxo a oportunidade de prepararnos para o crecemento da compañía, a través da xestión de grandes contas.”
O traballo de BFAero ao longo de 5 edicións permitiu a consolidación dun panel de expertos e mentores de alto valor e a creación dun ecosistema de innovación dinámico e frutífero que impulsan e consolidan proxectos como FuVex.
O ecosistema aeronáutico galego ofrece con máis de 55 entidades que cooperan co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos emprendedores da industria aeroespacial, aeronáutica e de vehículos non tripulados tecendo unha rede de colaboración para o impulso e escalado de tecnoloxías disruptivas que resolvan retos das empresas e da sociedade.
A colaboración de todo o ecosistema permitiu aos emprendedores acceder a 31 potenciais clientes ou “early adopters” e a 7 potenciais investidores.



