A Business Factory Aero consolídase no ámbito nacional e internacional como programa de aceleración e consolidación do sector aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados ao conseguir atraer 110 proxectos na sexta convocatoria. O 57% das propostas rexistradas, cuxo período acaba de concluír, corresponden a emprendedores e empresas con orixe nacional e internacional, no que se inclúe países como Holanda e Gran Bretaña. O 43% dos rexistrados son emprendedores afincados en Galicia.

Dos máis de 110 proxectos rexistrados, o 48% pertencen ao itinerario de Incubación, que durante 12 meses apoiará a empresas sen constituír ou de recente creación cunha idea e o desenvolvemento dun produto mínimo viable (PMV). O 37% das propostas rexistradas son de Aceleración, onde durante 8 meses, recibirán tutorización e apoio para sistematizar o seu modelo de negocio, desenvolver e validar o seu produto ou servizo, conseguir vendas recorrentes e penetrar en novos mercados. Por último, na fase de Consolidación rexistráronse o 15% das propostas presentadas, que durante 6 meses recibirán apoio para escalar e internacionalizar a súa empresa.

A Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial da Xunta de Galicia, apoiou ao longo das súas cinco edicións anteriores un total de 46 proxectos empresariais, que mobilizaron un investimento de preto de 7,8 millóns de euros e que rexistraron unha facturación conxunta de 9,2 millóns no ano 2023.

Financiamento ata 280.000 euros

Na fase de Incubación as startups terán acceso a un financiamento de ata 40.000 euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a fondo perdido. Os proxectos en Aceleración contarán cun financiamento do Igape de ata 60.000 euros a fondo perdido e a posibilidade dunha participación en capital mediante un préstamo participativo de ata 50.000 euros, con opción a capitalización a través de Xesgalicia, o vehículo investidor da Xunta de Galicia.

As empresas en fase de consolidación poderán acceder a ata 30.000 euros a través do Igape a fondo perdido. No caso de que a empresa así o solicite, e no marco dunha rolda de financiamento, poderase valorar unha participación directa no capital da compañía de ata 250.000 euros.

Un ecosistema de innovación dinámico

Os proxectos de BFAero contarán cun equipo de titores e expertos no sector aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados, tamén terán á súa disposición early adopters e clientes, e a posibilidade de acceso a entidades investidoras públicas e privadas.

Nas últimas cinco edicións, Galicia foi capaz de consolidar un ecosistema de innovación dinámico e robusto no que participan máis de 55 entidades que cooperan co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos emprendedores da industria aeroespacial e aeronáutica, tecendo unha rede de colaboración para o impulso e escalado de tecnoloxías disruptivas que resolvan retos das empresas e da sociedade.

A pegada industrial que xerou a BFAero tradúcese en tres ámbitos. Xunto á creación de novas empresas, 46 en total desde 2018, o programa impulsou a consolidación dun operador de referencia no sector, como é o caso de Aeromedia, e propiciou tamén o traslado a Galicia da sede de startups como Kreios Space e FuVex.