A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, participou no Investor Day organizado pola Business Factory Aero (BFAero) e XesGalicia, celebrado na Oficina Económica de Galicia en Madrid, onde subliñou que é “crucial” conectar startups con entidades investidoras, xa que “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

Durante o Investor Day, a conselleira explicou que “detectamos e acompañamos a moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con XesGalicia: necesitamos o investimento privado. Por tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”.

No encontro 18 entidades investidoras con teses en deep tech, space tech, intelixencia artificial, ciberseguridade, mobilidade, aeroespacio, defensa e tecnoloxías duais reuníronse na Oficina Económica de Galicia en Madrid con once proxectos tecnolóxicos da 7ª edición de BFAero e con tres compañías consolidadas do ecosistema da aceleradora, co obxectivo de explorar oportunidades de investimento, coinversión e escalado en tecnoloxías de alto valor engadido.


Galicia, ecosistema atractivo para o investimento especializado

Galicia continúa consolidando un ecosistema capaz de atraer talento, xerar innovación de alto impacto e espertar o interese de investidores especializados nacionais e internacionais, convertendo o potencial tecnolóxico en oportunidades reais de crecemento económico e emprego cualificado.

BFAero, a aceleradora aeroespacial da Xunta de Galicia, forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio da Consellería de Economía e Industria, unha folla de roteiro que prevé mobilizar ata 900 millóns de euros de investimento ata 2030, apoiada por un investimento público de 183 millóns de euros destinada a fortalecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e empresariais da comunidade en sectores considerados estratéxicos para a autonomía tecnolóxica e a competitividade europea.

Desde a súa posta en marcha en 2019, BFAero apoiou a creación de 49 empresas novas. Máis do 80% delas continúan activas e crecendo. En conxunto, estas compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados e máis de 28 millóns de euros de volume de negocio anual.

Nas dúas últimas edicións, as empresas de BFAero captaron máis de 14 millóns de euros, con preto do 70% procedente de capital privado, o que confirma a capacidade do programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

Varias startups vinculadas o ecosistema BFAero lograron tamén recoñecemento internacional ao ser seleccionadas por programas de referencia como DIANA, a aceleradora de innovación da OTAN; ou ao atraer investimento de entidades estratéxicas como o NATO Innovation Fund, consolidando a proxección global do ecosistema aeroespacial galego.

Da tecnoloxía ao mercado

A metodoloxía de BFAero acompaña aos proxectos en todo o proceso de maduración empresarial, desde a validación tecnolóxica ata a preparación para o investimento, traballando aspectos clave como o modelo de negocio, a estratexia de mercado, a propiedade intelectual, a validación comercial, a estratexia de financiamento e a conexión con grandes empresas tractoras do sector.

Este traballo permite que as startups cheguen aos investidores con tecnoloxías diferenciais, equipos altamente especializados e propostas de valor orientadas a mercados con gran potencial de crecemento, especialmente en ámbitos duais con aplicacións civís, industriais, de seguridade e defensa.

O Investor Day reforza así o papel de BFAero como plataforma de xeración de oportunidades de investimento en aeroespacio, seguridade, defensa e tecnoloxías duais, e como instrumento de conexión entre innovación tecnolóxica, industria e capital privado.