Kreios Space e Vig-Sec Drone, empresas incubadas e aceleradas en Business Factory Aero (BFAero), foron seleccionadas para participar na aceleradora DIANA da OTAN, un dos programas internacionais máis esixentes e prestixiosos no ámbito da innovación dual, a defensa e a seguridade.

Un fito que reforza o posicionamento de BFAero como plataforma de referencia para o impulso de startups con tecnoloxías de alto valor engadido, capaces de competir e colaborar nos principais ecosistemas internacionais de innovación en defensa, seguridade e aeroespazo. Un novo recoñecemento ao talento, á visión e á capacidade das empresas que forman parte de BFAero para transformar o presente e construír o futuro do sector.

A aceleradora DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic) impulsa solucións tecnolóxicas con alto potencial de impacto para a Alianza Atlántica, seleccionando cada ano un número moi reducido de empresas entre milleiros de candidaturas internacionais.

Vig-Sec Drone: tecnoloxía dual para un espazo aéreo máis seguro

A empresa galega Vig-Sec Drone afronta esta nova etapa como un paso decisivo na súa estratexia de expansión internacional e de validación da súa tecnoloxía dual en contornos operativos reais.

Durante os vindeiros meses, a compañía traballará nun reto ambicioso: demostrar que é posible xestionar de forma segura a media e baixa cota, integrando aeronaves tripuladas e non tripuladas nun mesmo espazo aéreo, mesmo en contextos complexos e illados.

A participación en DIANA permitirá a Vig-Sec Drone colaborar en exercicios, probas e validacións con unidades da OTAN, axencias especializadas e forzas armadas, levando a súa tecnoloxía ao contorno onde realmente se pon a proba o seu valor: a operación real. Este avance supón un salto significativo na madurez da compañía e reforza o seu compromiso cunha innovación ao servizo de quen opera na primeira liña.

Kreios Space: Very Low Earth Orbit como novo dominio estratéxico

Pola súa banda, Kreios Space foi seleccionada para o NATO DIANA 2026 Challenge Programme, dentro do reto de Resilient Space Operations.

A empresa traballa no desenvolvemento de misións espaciais en Very Low Earth Orbit (VLEO), a altitudes próximas aos 200 quilómetros, un dominio clave para o futuro da observación e da defensa espacial. A súa tecnoloxía diferencial, baseada en propulsión eléctrica de respiración atmosférica (Air-Breathing Electric Propulsion, ABEP), permite soster operacións prolongadas nestas órbitas ultrabaixas, superando un dos grandes desafíos técnicos do sector.

Esta selección recoñece o VLEO como unha realidade estratéxica e brinda a Kreios Space a oportunidade de colaborar durante os vindeiros seis meses con centros de ensaio, mentores e usuarios finais de DIANA, acelerar o desenvolvemento da súa tecnoloxía co apoio financeiro do programa e aliñala coas necesidades reais da OTAN e dos seus aliados.