Slimop Space, impulsada por BFAero, Premio Nacional de Industria ‘Bien hecho en España’

Slimop Space, impulsada por BFAero, Premio Nacional de Industria ‘Bien hecho en España’

Slimop Space, unha startup impulsada pola Business Factory Aero (BFAero), recibiu de S.M. o Rei, Felipe VI, o Premio Nacional de Industria Bien hecho en España na categoría de Emprendemento Industrial, durante o VIII Congreso Nacional de Industria que se celebra ata o 5 de febreiro en Bilbao.

O premio recoñece a empresas de nova creación con gran capacidade innovadora para desenvolver proxectos industriais con alto valor engadido e que fortalecen a competitividade, a sustentabilidade, a transformación dixital e o desenvolvemento de capacidades produtivas e tecnolóxicas propias.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou á empresa polo premio recibido á vez que puxo en valor o recoñecemento que supón para Slimop Space a obtención deste distintivo que se entrega ás empresas de nova creación pola súa capacidade innovadora. “Un dos piares – dixo – sobre os que se asenta a política industrial avanzada que vai da man da empresa, da tecnoloxía e do talento que temos e do que queremos atraer a Galicia, e que nos consolidan como un territorio referente na aceleración de proxectos tecnolóxicos de alto impacto”.

O recoñecemento supón un importante respaldo á traxectoria da compañía e reforza o papel da BFAero como plataforma de apoio ao emprendemento tecnolóxico e industrial orientado á soberanía tecnolóxica. BFAero é hoxe unha panca estratéxica de creación e aceleración empresarial no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) y Xesgalicia.

Slimop Space forma parte do ecosistema de Business Factory Aero desde a súa sexta edición, na que participou no itinerario de Aceleración e, actualmente, foi seleccionada para a sétima edición do programa no itinerario de Consolidación

A primeira edición dos Premios Nacionais de Industria Bien hecho en España, organizados polo Ministerio de Industria y Turismo, recoñecen iniciativas empresariais que destacan pola súa contribución ao fortalecemento da industria española, a innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de solucións con alto impacto económico e social, e fan da excelencia un aceno de identidade da industria.

BFAero, mellor aceleradora de España segundo a clasificación Funcas

Recoñecida por segundo ano consecutivo como a mellor aceleradora de España na clasificación nacional Funcas, o programa demostrou un forte impacto tanto económico como de innovación en Galicia.

Desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 58 proxectos, creou 15 novas empresas tecnolóxicas e promoveu o traslado a Galicia de 13 empresas e a creación de máis de 270 empregos cualificados. Os proxectos da 5ª e 6ª edición captaron máis de 14 millóns de euros de investimento.