En maio pecha a convocatoria de axudas para a certificación de empresas provedoras para o sector da seguridade e a defensa

En maio pecha a convocatoria de axudas para a certificación de empresas provedoras para o sector da seguridade e a defensa

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, abriu a convocatoria ás Axudas ao posicionamento das empresas galegas como subministradoras en materia de seguridade e defensa, unha liña de apoio dotada con 1,5 millóns de euros destinada a reforzar a presenza do tecido empresarial galego nestes sectores estratéxicos.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 13 de maio ás 14:00 h, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible. A tramitación debe realizarse de forma electrónica a través do procedemento IN519G.

Facilitar o acceso á cadea de subministración en defensa e seguridade

A convocatoria ten como obxectivo apoiar ás empresas galegas na implementación de accións crave para o seu posicionamento nos ámbitos da defensa e a seguridade. En concreto, financia actuacións como:

  • A primeira inscrición no Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM).

  • A elaboración de propostas técnicas para participar en convocatorias nacionais ou europeas de defensa.

  • A homologación técnica de sistemas e produtos, mediante ensaios e probas en laboratorios acreditados.

  • A tramitación de habilitacións e autorizacións de seguridade ante o CNI, tanto de empresa (HSEM) como de establecemento (HSES).

  • A implantación de sistemas de xestión de calidade conforme a normas PECAL/AQAP, incluíndo consultoría e certificación.

O obxectivo final é preparar ás empresas galegas para avanzar ou diversificarse ata converterse en subministradoras de bens e servizos nos sectores de seguridade e defensa, facilitando a súa integración en programas industriais estratéxicos.

Ata 75.000€ por beneficiario

A axuda concédese en réxime de concorrencia non competitiva e cobre ata o 80 % do importe subvencionable, cun máximo de 75.000 euros por beneficiario. O orzamento mínimo esixido por actuación é de 3.000 euros.

Entre os conceptos subvencionables inclúense servizos de asesoramento e consultoría especializada, asistencia técnica, ensaios e probas de laboratorio, auditorías e certificacións en normas específicas, formación obrigatoria e taxas públicas.

Ademais, poderase solicitar un anticipo de ata o 25 % da subvención concedida, previa constitución de garantía. Os gastos poderán executarse ata novembro de 2026 ou ata outubro de 2027, segundo a anualidade correspondente.

Poderán beneficiarse empresas privadas con personalidade xurídica que desenvolvan actividade económica e dispoñan de centro de traballo en Galicia, sempre que inicien os pasos necesarios para a súa diversificación en materia de defensa e seguridade mediante as certificacións, homologacións ou habilitacións esixidas.

Convocatoria aliñada coa Estratexia 2025-2030

Estas axudas enmárcanse na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030, que busca consolidar estes sectores como motores de crecemento económico, xeración de emprego cualificado e fortalecemento industrial en Galicia.

Neste contexto, a Guía de Certificacións en Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2026 convértese nunha ferramenta complementaria clave. O documento permite comprender o papel das certificacións nos distintos elos da cadea de valor e facilita a planificación estratéxica das empresas que queiran acollerse á axuda IN519G, ofrecendo unha visión clara sobre requisitos, estándares e relacións entre normativas.

Oportunidade estratéxica para o ecosistema BFAero

Para as startups e empresas vinculadas á Business Factory Aero (BFAero), esta convocatoria representa unha oportunidade estratéxica para reforzar o seu posicionamento competitivo e avanzar en procesos de certificación e homologación imprescindibles en sectores de alta esixencia tecnolóxica.

A apertura da axuda IN519G e a dispoñibilidade de ferramentas como a Guía de Certificacións consolidan así unha contorna favorable para que o ecosistema galego continúe crecendo e posicionándose como referente en seguridade, defensa e aeroespacio.