A BFAero articipou xunto ás startups da aceleradora Vig-Sec Drone, AGUIA Analítica, Kreios SpaceFly-Fut en The Way Startup Summit, o evento de emprendemento, innovación e investimento do noroeste peninsular.

Os proxectos compartiron as súas experiencias persoais de emprendemento e innovación, así como as fortalezas do ecosistema aeronáutico galego que lles proporciona unha contorna dinámica e enriquecedora. A participación foi positiva para os emprendedores que contactaron con investidores institucionais públicos e privados.

Impacto Business Factory Aero

BFAero é unha aceleradora impulsada pola Xunta de Galicia, xestionada pola Fundación CEL, que leva 6 edicións incubando, acelerando e consolidando proxectos aeronáuticos, aeroespaciais e de vehículos non tripulados en Galicia.

Desde o ano 2018, contribuíu á creación de pegada industrial en Galicia coa posta en marcha de 5 novas empresas, a atracción de 11 compañías do sector aeronáutico e o apoio a 46 proxectos innovadores.

BFAero, por segundo ano consecutivo mellor aceleradora de España segundo a clasificación Funcas, mobilizou preto de 7,8 millóns de euros en investimento e alcanzou unha facturación conxunta de 9,2 millóns nos proxectos das dúas últimas edicións.

Ademais, o programa supuxo a creación de 221 novos empregos, o 73% deles con alto nivel de cualificación profesional.

Por último, en canto ao impacto tecnolóxico, BFAero impulsou o desenvolvemento de 39 solucións para o sector e supuxo un aumento medio de 1,2 niveis en TRL, un progreso significativo que evidencia a eficacia do programa como impulsor da transferencia tecnolóxica e a innovación aplicada.

Apoio a emprendedores

Na fase de Incubación os emprendedores teñen acceso a un financiamento de ata 40.000 euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a fondo perdido. Os proxectos en Aceleración contarán cun financiamento do Igape de ata 60.000 euros a fondo perdido e a posibilidade dunha participación en capital mediante un préstamo participativo de ata 50.000 euros, con opción a capitalización a través de Xesgalicia, o vehículo investidor da Xunta de Galicia.

As empresas en fase de consolidación poderán acceder a ata 30.000 euros a través do Igape a fondo perdido. No caso de que a empresa así o solicite, e no marco dunha rolda de financiamento, poderase valorar unha participación directa no capital da compañía de ata 250.000 euros.

Ademais, os proxectos teñen á súa disposición un equipo de 110 titores e expertos no sector aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados. Desde a perspectiva dos emprendedores, cabe destacar que todo o ecosistema permitiulles acceder a 50 potenciais clientes ou “early adopters” e a 7 potenciais investidores.