A Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de empresas promovida pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia, lanza a súa 7ª edición. O programa impulsa servizos e tecnoloxías innovadoras para os sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados, atraendo novos investimentos e fortalecendo así o ecosistema empresarial de Galicia.
Aspectos diferenciais de BFAero
A 7ª edición de BFAero conta cunha serie de aspectos clave que a converten nunha aceleradora única dentro do sector aeronáutico e aeroespacial. O seu enfoque especializado, os recursos dispoñibles e a súa conexión co mercado global diferénciana doutras iniciativas similares, ofrecendo a emprendedores unha contorna ideal para o desenvolvemento e consolidación dos seus proxectos.
Os seus principais aspectos diferenciais son:
1. Vertical aeronáutica e aeroespacial que ofrece unha contorna adaptada con mentores, recursos e sinerxias entre proxectos.
2. Enfoque a mercado, os proxectos oriéntanse a resolver problemas reais do sector, o que lles permite atopar unha saída comercial.
3. Amplo catálogo de medios e recursos avanzados, que facilitan o desenvolvemento áxil de solucións tecnolóxicas.
4. Respaldo dun ecosistema aberto de innovación. A colaboración con axentes públicos e privados no sector aeroespacial e os vehículos non tripulados, favorece as sinerxias entre os proxectos e as institucións.
5. Apoio ao ciclo completo dos proxectos de emprendemento. BFAero ofrece tres modalidades de apoio (incubación, aceleración e consolidación), cubrindo todas as etapas do emprendemento, desde a ideación ata a consolidación do negocio.
6. Alcance internacional. Recibe proxectos de todo o mundo e apoia a súa internacionalización, axudando a acceder a mercados globais.
7. Atracción de inversión. Fomenta o achegamento dos proxectos a entidades de investimento públicas e privadas, que poidan achegarlles capacidades de desenvolvemento adicionais, así como acceso a relacións de colaboración e a novos mercados.
Que ofrece a 7ª Edición?
BFAero ofrece aos proxectos mentores expertos en áreas como aeronáutica, normativa UAV, propiedade intelectual, xestión empresarial ou márketing para transformar startups en empresas innovadoras, viables e escalables dentro do sector aeronáutico e aeroespacial.
A aceleradora ofrece aos participantes un ecosistema único con formación especializada, asesoramento experto, networking, acceso a investidores e espazos de traballo no Pazo de Feiras de Lugo, preto do aeródromo de Rozas e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR). Ademais, proporciona apoio financeiro a través de subvencións, préstamos participativos e posibles investimentos en capital, garantindo así o crecemento sostible dos proxectos.
O programa tamén prestará asesoramento personalizado e adaptado a cada proxecto mediante titorías técnicas e de xestión, colaboracións no sector e visibilidade e difusión en medios de comunicación e redes sociais, así como a través dos diferentes actos e eventos organizados no marco do programa.
Impacto económico e industrial da mellor aceleradora de España
BFAero, mellor aceleradora de España por segundo ano consecutivo segundo a clasificación de Funcas demostrou un forte impacto tanto económico como industrial en Galicia. Xestionada pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo (FCEL), desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 58 proxectos, creou 15 novas empresas tecnolóxicas e promoveu o traslado a Galicia de 13 empresas mobilizando máis de 9,2 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 230 empregos cualificados. A sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas rexistradas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais.
Galicia consolidouse como un dos principais polos de innovación no sector aeroespacial no Estado, cun ecosistema dinámico que integran máis de 55 entidades públicas e privadas, entre empresas tractoras, universidades e centros de investigación, empresas do sector e investidores, unidas para impulsar solucións tecnolóxicas que respondan os retos desta industria e da sociedade.
Recentemente, a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha unha Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 en colaboración con todo o sector, co obxectivo de impulsar o ecosistema actual e fortalecer as capacidades produtivas que Galicia ten neste ámbito. A BFAero enmárcase nesta estratexia como panca para a creación e aceleración de novas empresas.
Itinerarios e financiamento
O programa conta con 3 itinerarios, adaptados ao grao de madurez de cada proxecto. Incubación, para a fase temperá, sen unha proposta de valor validada cunha duración de ata 12 meses. Aceleración, dirixida a proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están a realizar as súas primeiras vendas, durante 8 meses. E Consolidación, modalidade deseñada para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio, cunha duración de ata 6 meses.
Na fase de Incubación as startups terán acceso a un financiamento de ata 40.000 euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a fondo perdido. Os proxectos en Aceleración contarán cun financiamento do Igape de ata 60.000 euros a fondo perdido e a posibilidade dunha participación en capital mediante un préstamo participativo de ata 50.000 euros, con opción a capitalización a través de Xesgalicia, o vehículo investidor da Xunta de Galicia.
As empresas en fase de Consolidación poderán acceder a ata 30.000 euros a través do Igape a fondo perdido. No caso de que a empresa así o solicite, e no marco dunha rolda de financiamento, poderase valorar unha participación directa no capital da compañía de ata 250.000 euros.

Calendario e fases do programa
A 7ª edición de BFAero segue un calendario estruturado en distintas fases crave, comezando con a convocatoria e o proceso de inscrición, que estará aberto ata o 30 de outubro de 2025. Só serán consideradas aquelas solicitudes enviadas seguindo as bases, dentro do prazo e a través da canle adecuada, e que cubrisen integramente a totalidade do cuestionario. Tras o peche de inscricións, iniciarase a fase de selección, na que se avaliarán as candidaturas e elixiranse os proxectos que ingresarán no programa.
Os seleccionados pasarán a a fase de ingreso, na que dispoñerán de 1 mes para achegar a documentación que se lles requira, asinar os acordos debidos e realizar outros trámites relacionados coa súa entrada en BFAero. Unha vez formalizado o seu acceso, comezarán as fases de incubación, aceleración e consolidación.



