Os proxectos da sexta edición da Business Factory Aero expuxeron as súas necesidades de financiamento ante un grupo de investidores públicos e privados liderados por Xesgalicia. Na sesión tamén estiveron presentes representantes de CaixaBank DayOne, Unirisco, Zubi Capital y Torsa Capital.
Durante a sesión, as startups expuxeron as claves do seu Plan de Negocio e tiveron a oportunidade de coñecer en detalle as estratexias de investimento e as condicións que cada entidade investidora establece para os diferentes itinerarios.
O Investor Day concluíu cunha sesión de networking onde os proxectos ampliaron a súa rede de contactos co ecosistema da BFAero.
Itinerarios e financiamento
O programa da BFAero conta con 3 itinerarios, adaptados ao grao de madurez de cada proxecto, que lle dan acceso a un financiamento específico.
- Incubación, para a fase temperá, sen unha proposta de valor validada cunha duración de ata 12 meses. Nesta fase as startups teñen acceso a un financiamento de ata 40.000 euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a fondo perdido.
- Aceleración, dirixida a proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están a realizar as súas primeiras vendas, durante 8 meses. Os proxectos en Aceleración contan con financiamento do Igape de ata 60.000 euros a fondo perdido e a posibilidade dunha participación en capital mediante un préstamo participativo de ata 50.000 euros, con opción a capitalización a través de Xesgalicia, o vehículo investidor da Xunta de Galicia.
- Consolidación, modalidade deseñada para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio, cunha duración de ata 6 meses. As empresas en fase poden acceder ata 30.000 euros a través do Igape a fondo perdido. No caso de que a empresa así o solicite, e no marco dunha rolda de financiamento, poderase valorar unha participación directa no capital da compañía de ata 250.000 euros.



