A Escola de Organización Industrial (EOI), en colaboración coa Xunta de Galicia, ofrece o seu Programa Executivo en Industria de Defensa (Galicia), unha formación orientada a profesionais, directivos e empresas que queiran reforzar as súas capacidades nun dos sectores estratéxicos con maior potencial de crecemento. Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta da Xunta por consolidar a Galicia como un territorio con capacidades industriais e empresariais reforzadas para acceder ao mercado da seguridade e a defensa.

O prazo de inscrición finaliza hoxe, 23 de marzo, e a formación dará comezo o 17 de abril en formato semipresencial, cunha duración total de 128 horas.

Que aprenderás no programa?

O programa está estruturado en catro bloques temáticos clave, pensados para ofrecer unha visión completa do ecosistema da industria de defensa e as súas oportunidades:

  • Ecosistema e estrutura do sector. Entender como está organizado o sector de defensa, os seus actores públicos e privados, e os mecanismos de gobernanza.

  • Instrumentos de financiamento e oportunidades de negocio. Coñecer os principais mecanismos de financiamento e modelos de acceso a contratos e programas estratéxicos.

  • Xestión de programas e contratos. Ferramentas operativas para xestionar contratos e proxectos dentro dunha contorna altamente regulada.

  • Innovación e colaboración empresarial. Casos prácticos e estratexias para fomentar a innovación, cooperación e crecemento empresarial no sector.

Panel docente de alto nivel

O Programa Executivo conta con expertos profesionais do sector institucional e empresarial, con ampla experiencia en defensa, financiamento e xestión de programas. A participación destes docentes achega un enfoque práctico e actualizado que facilita a comprensión dos retos e oportunidades reais no sector.

Como inscribirse

As empresas e profesionais interesados deben presentar a súa solicitude a través da landing do programa.

O prezo total do programa é de 4.400 €, e grazas ao apoio da Xunta de Galicia, o importe bonificado a abonar polo participante é de 660 €.

As empresas vinculadas ao ecosistema BFAero poderán beneficiarse de condicións especiais na matrícula, reforzando o acceso a esta formación estratéxica.

Formación clave para o crecemento empresarial

Este programa representa unha oportunidade única para empresas e profesionais do sector aeroespacial e tecnolóxico que desexen mellorar as súas capacidades, ampliar a súa rede e acceder a novas oportunidades de negocio na industria da defensa. Aproveita o último día para rexistrarte e formar parte desta iniciativa estratéxica.