A Business Factory Aero (BFAero) participou no XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos, celebrado en Tecnópole (Ourense), que reuniu a representantes dos ecosistemas de innovación de España e Portugal para fomentar a colaboración e explorar novas oportunidades en ámbitos estratéxicos como o aeroespacial, a intelixencia artificial, a seguridade e defensa e a ciberseguridade.
A xornada puxo o foco no papel da innovación e a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos, parques científicos e institucións para impulsar o desenvolvemento de sectores estratéxicos. Entre as actividades do encontro celebrouse unha mesa redonda sobre o sector aeroespacial, moderada por Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL-Aceleradora BFAero.
O sector aeroespacial, protagonista da cooperación
A mesa redonda permitiu intercambiar perspectivas sobre os retos e oportunidades do sector aeroespacial, así como sobre a importancia de conectar empresas, entidades de apoio ao emprendemento e organismos de innovación para favorecer o desenvolvemento de novas iniciativas e xerar oportunidades de colaboración.
No debate participaron Jan Mataró, CTO e cofundador de Kreios Space; Miguel Ladrón de Cegama, director de MLC Consulting e de contidos de EDOS; Carmen Verdejo, directora do Departamento de Innovación e Emprendemento de ICECYL; e Jorge Pimenta, director de Innovación de IPN Coimbra, incubadora de AESA. Os seus perfís, vinculados os ámbitos empresarial, tecnolóxico e institucional, achegaron distintas perspectivas sobre o ecosistema aeroespacial.
Galicia, unha contorna estratéxica para a innovación aeroespacial
A celebración do XIX Encontro Ibérico en Galicia enmárcase no impulso da comunidade ás tecnoloxías estraégicas, a través da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030, e na súa traxectoria de colaboración con Portugal en proxectos de I+D+i.
Ourense e Tecnópole ofrecen unha contorna especialmente favorable para estas conexións, grazas á proximidade ao International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), en Braga; a previsión de que Tecnópole albergue o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia; e as capacidades do campus de Ourense da Universidade de Vigo en Enxeñería Aeroespacial, Intelixencia artificial e Enxeñería Informática.
Este contexto ofrece novas posibilidades para impulsar alianzas entre parques científicos e tecnolóxicos, empresas, institucións e talento de ambos os países, favorecendo o desenvolvemento de proxectos conxuntos en sectores estratéxicos.
Novas alianzas para o ecosistema de innovación
Organizado pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e TecParques, Associação Portuguesa de Parques de Ciência e Tecnologia, o XIX Encontro Ibérico incluíu tamén sesións sobre intelixencia artificial, aplicacións de uso dual, talento STEAM e o futuro dos parques científicos e tecnolóxicos, alén de espazos de networking para fomentar novas conexións empresariais.
A participación neste tipo de iniciativas permite a BFAero seguir fortalecendo os seus vínculos co ecosistema de innovación e emprendemento de España e Portugal, ampliando as oportunidades de colaboración e contribuíndo ao crecemento das startups e ao desenvolvemento do sector aeroespacial galego.

