Kreios Space, Airbus, Telespazio, Avincis e Tecnobit participaron nas diferentes xornadas do programa impulsado pola Xunta de Galicia, para achegar o sector aeroespacial á mocidade e ao tecido industrial galego.

A Semana Mundial do Espazo celebrouse do 7 ao 10 de outubro en Galicia cun completo programa de actividades promovido pola Consellería de Economía e Industria, no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio. Por primeira vez, a comunidade organizou un programa propio aberto ao público, en liña co lema internacional deste ano: “Vivir no espazo”.

Impulso ao talento e á innovación
Durante as diferentes xornadas, desenvoltas nos campus universitarios de Lugo, Santiago, Vigo, Nigrán e Ourense, abordáronse as oportunidades que o sector aeroespacial ofrece en ámbitos como a investigación, a enxeñería ou o emprendemento tecnolóxico.


A startup Kreios Space, participante na aceleradora BFAero, compartiu a súa experiencia no ámbito do emprendemento deep-tech e os motores satelitales durante unha sesión na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, as empresas tractoras de BFAero Airbus, Telespazio, Avincis e Tecnobit— tiveron un papel destacado en diferentes encontros, achegando ao público os seus proxectos e tecnoloxías punteiras en comunicacións espaciais, defensa, sistemas de navegación ou solucións con drons.


Un espazo para inspirar vocacións
O programa incluíu charlas técnicas, mesas redondas, un hackatón e talleres divulgativos nos que participaron estudantes de ESO, Bacharelato, FP e universidade. Estas actividades permitiron descubrir como a exploración espacial contribúe ao progreso científico e tecnolóxico, así como á mellora da vida na Terra.


A Semana Mundial do Espazo serviu ademais para fortalecer a conexión entre universidades, administracións e empresas, e para visibilizar o potencial de Galicia como territorio emerxente no ámbito aeroespacial.


BFAero, motor do ecosistema aeroespacial galego
A participación de startups e empresas vinculadas a BFAero nesta cita reforza o papel da Business Factory Aero como eixo vertebrador do ecosistema aeroespacial galego, impulsando a innovación, o talento e a colaboración público-privada ao redor dun sector estratéxico para o futuro de Galicia.