A Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora especializada no sector aeroespacial da Xunta de Galicia, pechou o prazo de presentación de proxectos da súa oitava edición con 76 candidaturas formalizadas para os seus itinerarios de Incubación, Aceleración e Consolidación.
Delas, máis do 50% proceden de fóra da Comunidade, un dato que demostra a capacidade de BFAero para atraer a Galicia proxectos empresariais e tecnolóxicos innovadores vinculados a sectores estratéxicos como o aeroespacial, o aeronáutico e os vehículos non tripulados.
Por orixe, o 49% proceden de Galicia; 39% doutras comunidades autónomas; e o 12% corresponden a proxectos internacionais.
Alcance nacional e internacional
Durante a fase de captación presentáronse 162 propostas, de las que 76 completaron o proceso de inscrición e pasan agora á fase de avaliación. Estas candidaturas proceden de 12 comunidades autónomas. Galicia concentra o maior número e Madrid ocupa a segunda posición, con 8 proxectos, seguida do País Vasco, a Comunidade Valenciana e Castela e León, con 4 candidaturas cada unha.
Os 9 proxectos internacionais proceden de 7 países: Estados Unidos e República Checa, con dúas candidaturas cada un, e Reino Unido, Bulgaria, Bélxica, Chile e Uruguai, cunha candidatura respectivamente.
A campaña de captación espertou ademais un interese internacional significativo. Durante a convocatoria iniciaron a súa inscrición proxectos procedentes de 19 países estranxeiros, 13 europeos e 6 americanos, entre eles Alemaña, Portugal, Francia, Suíza, Brasil, Arxentina ou Colombia.
Este resultado confirma o posicionamento de BFAero como instrumento para identificar e atraer proxectos innovadores e favorecer a súa vinculación co ecosistema industrial, tecnolóxico e empresarial de Galicia.
Proxectos en fases crave de desenvolvemento
Aceleración é o itinerario con maior número de candidaturas, co 50% do total. Está dirixido a proxectos que xa contan cun produto mínimo viable e primeiras vendas e que buscan sistematizar o seu modelo de negocio e acceder a novos mercados.
Séguelle Incubación, co 43%, dirixida a proxectos ou empresas sen constituír ou de recente creación, que se atopan entre a fase de idea e o desenvolvemento dun produto mínimo viable. Pola súa banda, Consolidación, co 7%, está dirixida a empresas con produto e vendas reais que afrontan unha fase de crecemento e escalado.
BFAero, unha vía de atracción de proxectos cara a Galicia
BFAero forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030 (IESDA) de la Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a estratexia deseñada para fortalecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e empresariais de Galicia nestes sectores.
Os proxectos seleccionados procedentes de fóra de Galicia implantaranse na Comunidade mediante o establecemento do seu domicilio social e/o a apertura de centros de traballo, contribuíndo a incorporar novas iniciativas empresariais e tecnolóxicas ao ecosistema galego e a xerar nova actividade no territorio.
Desde a súa posta en marcha en 2019, BFAero acelerou 68 proxectos e acompañou a 49 empresas, contribuíndo ademais á creación ou implantación en Galicia de 20 novas empresas. En conxunto, as empresas vinculadas ao programa xeran máis de 320 empregos cualificados e alcanzan unha facturación anual superior a 28 millóns de euros.
Unha pegada industrial que se distribúe por distintos puntos de Galicia: en Nigrán, con Kreios Space, Slimop Space e Lupeón; en Oleiros, da man de Aguia Analítica; en A Coruña, mediante Aeromedia e ITG Drone Solutions; en Silleda, con Arzeos Aircraft; en Ourense, con Luxsit; e en Lugo, con Vig-Sec Drone.
As candidaturas inician agora o proceso de avaliación e selección, do que sairán ata 11 proxectos, 3 de Incubación, 5 de Aceleración e 3 de Consolidación, que se incorporarán a BFAero en xaneiro de 2027 para avanzar no seu desenvolvemento tecnolóxico e empresarial e acelerar o seu crecemento e acceso ao mercado.

