Dúas empresas vinculadas a Business Factory Aero (BFAero),Kreios Space e Slimop Space, compartiron os seus avances tecnolóxicos e perspectivas de crecemento durante o VIII Congreso Internacional Aeroespacial (CIAG), celebrado en Santiago de Compostela.

A súa participación na mesa «New Space: innovación, investimento e competitividade na industria espacial» puxo de manifesto o potencial do ecosistema galego para desenvolver tecnoloxías avanzadas, impulsar novas iniciativas empresariais e atraer proxectos industriais de alto valor engadido.

Kreios Space: innovación galega con proxección internacionalista da cooperación

Yago Recarey, representante de Kreios Space, destacou a aposta de Galicia polo investimento en innovación e a súa importancia para favorecer a atracción e desenvolvemento de novas empresas tecnolóxicas.

Durante a súa intervención, anunciou que a compañía prevé lanzar o seu primeiro satélite no último trimestre de 2027, un fito que permitirá validar en órbita a súa tecnoloxía para operar satélites a altitudes terrestres moi baixas.

Slimop Space: atracción de talento e tecnoloxía a Galicia

Eduardo Ferrer, cofundador de Slimop Space, presentou os avances da compañía no desenvolvemento de solucións ópticas innovadoras para aplicacións espaciais, coa previsión de realizar unha primeira validación en órbita durante o primeiro semestre de 2028.

A empresa, orixinaria de Cataluña, continúa avanzando na súa implantación en Porto do Molle, Nigrán, reforzando a capacidade de Galicia para atraer proxectos tecnolóxicos e xerar novas oportunidades de actividade industrial.

Ferrer recoñeceu expresamente o impulso recibido a través de BFAero, tanto nos itinerarios de aceleración e consolidación como na conexión co ecosistema galego de innovación, e destacou o apoio da Xunta de Galicia no proceso de implantación da compañía na comunidade.

Innovación, investimento e colaboración para fortalecer o sector aeroespacial

A evolución de ambas empresas reflicte a importancia de contar con instrumentos de apoio ao emprendemento tecnolóxico como BFAero, a aceleradora aeronáutica e aeroespacial da Xunta de Galicia, capaces de acompañar o desenvolvemento de proxectos innovadores, facilitar a súa conexión coa industria e contribuír ao seu crecemento.

Este traballo enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por reforzar a competitividade e as capacidades tecnolóxicas e industriais da comunidade, a través de iniciativas como a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028 e a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030.

BFAero continúa contribuíndo a consolidar Galicia como unha contorna atractiva para o desenvolvemento de empresas tecnolóxicas, a captación de investimento e a xeración de novas oportunidades no sector aeroespacial.