A startup participante na BFAero, Kreios Space, fundada en 2021 e especializada en satélites de moi baixa órbita (VLEO, polas súas siglas en inglés), pechou unha rolda de investimento semente sobresuscrita de 8 millóns de euros. Liderada por NATO Innovation Fund (fondo de innovación da OTAN) e por Join Capital, convértese na maior rolda de financiamento europeo de tecnoloxías VLEO. A operación tamén contou co respaldo de investidores que xa apoiaran á compañía na súa rolda pre-semente de 2024, entre eles Xesgalicia, Grow Venture Partners e Tasivia Global.
Trátase do primeiro investimento do fondo da OTAN nunha empresa española, un fito que sitúa a Galicia no mapa da innovación aeroespacial europea e reforza a súa aposta estratéxica pola defensa e a seguridade como motor de emprego cualificado. Isto supón un recoñecemento á estratexia que a Comunidade Autónoma impulsou nos últimos anos para consolidarse como hub de innovación aeroespacial en Europa. Iniciativas da Xunta de Galicia como a BFAero ou os apoios do IGAPE ao novo centro de probas en baleiro, así como o talento da Universidade de Vigo, son pezas crave nun ecosistema que xa compite a nivel internacional.
Fundada en 2021 por Adrián Senar, Jan Mataró, Francisco Boira, Adrià Barceló, Max Amer e Francisco Bosch, Kreios desenvolve satélites que orbitan máis baixo do normal, en VLEO, impulsados polo seu sistema de propulsión propio. Este sistema, baseado na tecnoloxía ABEP (Air-Breathing Electric Propulsion), permite operar a uns 200 quilómetros da Terra, unha altitude que antes se consideraba imposible debido á resistencia atmosférica. Utilizando o propio aire atmosférico como combustible, os satélites de Kreios poden permanecer en órbita durante anos en lugar de días, desbloqueando unha rexión espacial con enormes implicacións para a defensa, a conectividade e a soberanía.
Os satélites VLEO capturan imaxes cunha resolución tres veces superior á dos satélites actuais, ofrecendo beneficios en aplicacións que van desde a detección de incendios ata a protección de infraestruturas críticas. A súa proximidade á Terra tamén permite comunicacións de banda ancha directas ao dispositivo sen antenas voluminosas, facilitando así o camiño para unha conectividade verdadeiramente global e resiliente. Para Europa e a OTAN, o control desta tecnoloxía fortalece a independencia operativa, reduce a dependencia a Estados Unidos e apoia as ambicións de desenvolver capacidades espaciais soberanas. Desde Vigo, Kreios Space aspira a ser a primeira empresa capaz de manter satélites en VLEO de forma indefinida.

Galicia no mapa internacional do espazo
Kreios Space, conta actualmente con 17 empregados, dos cales a metade son galegos, algúns deles retornados tras desenvolver as súas carreiras fóra. O 80% das contratacións corresponden a enxeñeiros e técnicos altamente cualificados, e a compañía ten abertos sete postos máis en Vigo.
O papel e o apoio institucional da Xunta de Galicia foron determinantes para o I+D de Kreios Space. Adrián Senar, CEO e cofundador de Kreios Space, destaca: “Xesgalicia foi un actor crave para o noso crecemento. Ademais de ser un dos primeiros investidores en Kreios, abriunos a porta ao ecosistema público e de innovación galego. Grazas a ese apoio, que comezou coa aceleradora BFAero, esencial para nós, trasladámonos a Vigo e hoxe temos aquí todo o noso centro de desenvolvemento tecnolóxico. Esta rolda non só valida a nosa tecnoloxía, tamén demostra que Galicia conta co talento, as capacidades e o apoio institucional necesarios para converterse en referente mundial no sector aeroespacial”.
A compañía recalca o apoio do IGAPE, que cofinanciou a cámara de baleiro implantada nas súas instalacións. Esta infraestrutura permite realizar probas de satélites e iteracións a diario, acelerando o desenvolvemento da tecnoloxía e reducindo prazos de anos a semanas. Ademais, está dispoñible para outras empresas que necesiten validar proxectos en condicións sen carga, converténdose nun gran recurso para o ecosistema rexional.
De igual modo, as universidades galegas son un socio estratéxico para Kreios. Especialmente a Universidade de Vigo, coa que mantén programas de prácticas, contratos conxuntos de desenvolvemento en execución como o Proxecto Ícaro da Axencia Espacial Española para a detección e prevención de incendios vía satélite, ademais dunha colaboración constante para captar e formar talento.
“Galicia leva moito tempo apostando polo sector espacial, tendo empresas punteiras como Alén Space e UARX. Este fito é unha mostra máis de que o polo aeroespacial galego estase posicionado como un actor crave a nivel internacional”, subliña Senar.
A rolda, sumada aos 2,3 millóns de euros recadados en 2024, financiará os dous primeiros satélites de proba da compañía, incluíndo a primeira demostración en órbita do mundo dun motor ABEP. A partir de aí, Kreios expandirase cara ao despregamento comercial e o desenvolvemento de constelacións dedicadas á observación da Terra e as comunicacións directas aos teléfonos.



