O obxectivo final de calquera startup é escalar o seu negocio e vender. Por ese motivo, a Business Factory Aero (BFAero) promoveu a participación dos proxectos da sexta edición na sesión ‘Dominando as vendas: estratexias para impactar, conectar e pechar negocios’, celebrada no Santander Work Café da Coruña.

Un encontro deseñado para reforzar as capacidades comerciais das empresas en fases clave de crecemento mediante unha formación práctica, estratéxica e orientada a resultados para os proxectos que forman parte do noso ecosistema.

Formación práctica para converter innovación en negocio

Durante a sesión amosáronse ferramentas de alto valor aplicables máis alá do seu ámbito tecnolóxico, cun enfoque claro: gañar confianza, conectar co cliente e pechar acordos.

Durante a xornada traballáronse aspectos clave como:

  • O paso da incerteza á confianza en calquera fase do negocio.
  • A identificación de arquetipos de clientes para afinar o enfoque comercial.
  • A arte do storytelling: como transformar un produto ou servizo nunha historia memorable.
  • A anatomía do correo electrónico perfecto: estruturas que funcionan e xeran resposta.
  • Estratexias para afrontar reunións decisivas e avanzar cara ao peche de vendas.

Na xornada participaron as seguintes empresas de BFAero: 3top, DroneSilencer, Arzeos Aircraf, Invicsa Airtech, Fobos Solutions, Slimop SpaceAguia Analítica Avanzada.

Todas elas comparten un obxectivo común: fortalecer a súa proposta de valor e acelerar a súa chegada ao mercado cunha estratexia comercial sólida e eficaz.

Aguia Analítica Avanzada reforza o seu crecemento cunha alianza estratéxica

No marco desta aposta polo desenvolvemento de negocio, unha das empresas participantes, Aguia Analítica Avanzada, deu un paso relevante ao establecer unha alianza estratéxica con FEDS Drone-powered Solutions.

Este acordo permitirá impulsar a dixitalización da infraestrutura pública, avanzando desde un mantemento reactivo cara a un modelo predictivo, eficiente e baseado en datos. A colaboración combina datos aéreos, intelixencia artificial e estándares internacionais para crear xemelgos dixitais de redes viarias, mellorar a precisión na detección de danos e aumentar a seguridade e a fluidez das infraestruturas.

Un exemplo claro de como a formación, a estratexia comercial e as alianzas axeitadas aceleran a transformación da innovación en impacto real.

BFAero: innovación, estratexia e mercado

Con iniciativas como esta xornada, Business Factory Aero reafirma o seu compromiso co crecemento integral das startups, impulsando non só o desenvolvemento tecnolóxico, senón tamén as competencias clave para competir, conectar co mercado e xerar negocio.