Varias empresas vinculadas ao ecosistema de Business Factory Aero (BFAero), como Binarial Automatización e Robótica, Ventilation Lab, Kreios Space e Lupeon convertéronse en beneficiarias da convocatoria NEXOS, unha iniciativa de axudas da Xunta de Galicia destinada a fomentar a I+D+i colaborativa entre pemes e centros de coñecemento en sectores estratéxicos. Cun orzamento superior a 20 millóns de euros, os NEXOS buscan impulsar a competitividade, a sustentabilidade e a transformación dixital, mobilizando importantes investimentos en áreas como economía circular, agroalimentación e fabricación avanzada.

En total, catro empresas vinculadas a BFAero participan en proxectos beneficiarios desta convocatoria, dentro dun conxunto de 138 compañías apoiadas, o que supón cerca do 3% do total e reflicte a presenza do ecosistema no programa e a súa contribución á innovación colaborativa en Galicia.

A convocatoria NEXOS apoiará 37 proxectos de I+G+i en colaboración con centros de coñecemento, co obxectivo de impulsar iniciativas de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación organizativa e de procesos. A dotación total é de 22,6 millóns de euros e espérase mobilizar preto de 39,8 millóns de euros entre 2026 e 2028.

Empresas de BFAero participantes

Entre as empresas beneficiarias atópanse varias compañías vinculadas a proxectos impulsados desde BFAero:

  • Kreios Space, S.L. e Lupeon, S.L., participantes no proxecto MANA (Manufactura avanzada para a nova astronáutica), centrado no ámbito da fabricación avanzada aplicada ao sector espacial.

  • Ventilatio Lab, S.L., que participa no proxecto XIADA, enfocado no desenvolvemento de solucións para a xestión intelixente do aire e a desinfección ambiental no ámbito do benestar e a saúde.

  • Binarial Automatización y Robótica, S.L., integrante do proxecto SENSOMARE, orientado á investigación de novas solucións de sensórica avanzada e intelixencia artificial aplicadas á industria pesqueira.

A participación destas empresas pon de manifesto a diversidade de ámbitos tecnolóxicos nos que o ecosistema galego está a desenvolver solucións innovadoras.

Impulso á innovación colaborativa

Os proxectos financiados desenvolveranse mediante agrupacións de empresas formadas por un mínimo de tres e un máximo de seis pemes, co obxectivo de fomentar o traballo colaborativo e a transferencia efectiva de resultados.

Neste contexto, a participación de empresas vinculadas a BFAero reforza o papel do ecosistema como axente activo na xeración de innovación, favorecendo a conexión entre empresas e centros de coñecemento e contribuíndo ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas con impacto en sectores estratéxicos.

Proxectos estratéxicos para Galicia

As iniciativas seleccionadas encádranse nos ámbitos estratéxicos definidos no Plan galego de I+D+i 2025-2027, entre os que destacan a economía circular e a enerxía, a fabricación avanzada, a agroalimentación e o benestar e a saúde.

A convocatoria NEXOS enmárcase no programa Activa I+G+i, que apoia a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados, ao que o Goberno galego destina máis de 40 millóns de euros mediante catro grandes convocatorias.

A presenza de empresas vinculadas a BFAero nesta convocatoria pon de relevo, unha vez máis, a capacidade do ecosistema para xerar innovación e participar en proxectos colaborativos de alto impacto, contribuíndo ao fortalecemento do tecido tecnolóxico e industrial galego.