A Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de empresas promovida pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia, lanza a súa 8ª edición co propósito de impulsar proxectos que proporcionen unha resposta innovadora aos desafíos actuais desta industria.

O seu enfoque especializado nos sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados e a súa conexión coa industria diferencian á BFAero doutras iniciativas, proporcionando unha contorna competitiva para o desenvolvemento de proxectos.

Desde a súa posta en marcha de 2019, apoiou 49 novos proxectos, máis do 80% deles continúan activos e crecendo. Estas compañías xeraron máis de 320 empregos cualificados e máis de 28 millóns de euros de volume de negocio anual.

Nas dúas últimas edicións, as empresas de BFAero captaron máis de 14 millóns de euros, con preto do 70% procedente de capital privado, o que confirma a capacidade do programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

Da tecnoloxía ao mercado

A oitava edición de BFAero ofrece aos proxectos mentores expertos en áreas como aeronáutica, normativa UAV, propiedade intelectual, xestión empresarial ou mercadotecnia para transformar startups en empresas innovadoras, viables e escalables dentro do sector aeronáutico e aeroespacial.

A aceleradora conecta aos proxectos cun ecosistema único vinculado a empresas tractoras como AirbusTelespazio ou Avincis e máis de 55 entidades entre centros tecnolóxicos, universidades e empresas do sector coas que promove un networking empresarial proactivo. Ademais, facilita espazos de traballo no Pazo de Feiras de Lugo, preto do aeródromo de Rozas e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR). 

Ata 250.000€ de financiamento

O programa dispón de 3 itinerarios, adaptados ao grao de madurez de cada proxecto. Incubación, para a fase temperá, sen unha proposta de valor validada cunha duración de ata 12 meses. Aceleración, dirixida a proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están a realizar as súas primeiras vendas, durante 8 meses. E Consolidación, modalidade deseñada para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio, cunha duración de ata 6 meses.

Na fase de Incubación as startups terán acceso a un financiamento de ata 40.000 euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a fondo perdido. Os proxectos en Aceleración contarán cun financiamento do Igape de ata 60.000 euros a fondo perdido e a posibilidade dunha participación en capital mediante un préstamo participativo de ata 50.000 euros, con opción a capitalización a través de Xesgalicia, o vehículo investidor da Xunta de Galicia.

As empresas en fase de Consolidación poderán acceder a ata 30.000 euros a través do Igape a fondo perdido. No caso de que a empresa así o solicite, e no marco dunha rolda de financiamento, poderase valorar unha participación directa no capital da compañía de ata 250.000 euros.