A Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora aeroespacial impulsada pola Consellería de Economía e Industria, apoiou a 49 proxectos empresariais desde 2019, dos cales 15 son empresas de nova creación. BFAero demostrou capacidade de atracción de talento empresarial procedente doutros territorios, xa que algunhas destas empresas mudáronse a Galicia procedentes de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Castela e León, alén doutros países como Noruega, Uruguai e Portugal.

En conxunto, as compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados, un volume de negocio acumulado de 28,6 millóns de euros e realizaron investimentos por valor de 16 millóns de euros. O impacto económico xerado polas empresas aceleradas reflicte a capacidade de Galicia para transformar proxectos innovadores en actividade empresarial con impacto en todo o territorio.

O impacto da aceleradora presentouse durante o acto de licenciamiento da sexta edición e o lanzamento da sétima, que se celebrou nas instalacións da empresa Kreios Space recentemente implantada no polígono de Porto do Molle (Nigrán). O acto contou coa participación da conselleira de Economía e industria, María Jesús Lorenzana, que coñeceu de primeira man os proxectos da compañía galega.

Pegada industrial por toda Galicia

A pegada industrial de BFAero en Galicia distribúese por todo o territorio. Entre os proxectos impulsados destacan casos como Kreios Space e Lupeon en Nigrán; Aguia Analítica en Oleiros; Aeromedia e ITG Drone Solutions na Coruña; Arzeos Aircraft en Silleda; Luxit en Ourense; ou Vig-Sec Drone en Lugo.

Ademais, os proxectos da quinta e sexta edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado. Cabe destacar que preto do 70% deses recursos proceden de fondos de investimento privados, un indicador que evidencia a confianza do mercado nas capacidades tecnolóxicas e o potencial de crecemento das empresas xurdidas do programa.

Un ecosistema de colaboración público-privada

Tras seis edicións, BFAero consolidouse como un dos principais instrumentos de apoio ao emprendemento tecnolóxico e ao desenvolvemento da industria aeroespacial en España. O programa colabora con máis de 55 entidades, entre empresas tractoras (Airbus, Avincis ou Telespazio), centros tecnolóxicos, as universidades galegas e empresas da cadea de valor.

A aceleradora forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que conta cunha dotación pública de 183 millóns de euros e unha capacidade estimada para mobilizar preto de 900 millóns de euros mediante a colaboración público-privada.