A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o papel das startups como un modelo viable, innovador e con futuro para Galicia, e subliñou o compromiso da Xunta para reforzar o seu apoio desde todos os ámbitos institucionais.
Lorenzana, visitou en Nigrán as instalacións da empresa Vig-Sec Drone, unha startup especializada en servizos operativos con drons, instrución de pilotos que requiren de capacidades especiais, e desenvolvemento de software para a xestión de operacións de apoio á seguridade e ás emerxencias. Durante a visita destacou que o Goberno galego está a traballar man a man co sector privado para facer realidade proxectos que transformen a industria galega.
Vig-Sec Drone uniuse a Business Factory Aero en 2023 para o impulso do Suit ACRE (Área de Control Restrinxido de Emerxencias), a través do itinerario de aceleración. Trátase dun software de xestión do espazo aéreo que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas en casos de emerxencias como poden ser incendios, catástrofes naturais ou en intervencións militares.
Na actualidade, a compañía participa na sexta edición de BFAero, no itinerario de consolidación.



