A Xunta reúne na Oficina Económica de Galicia en Madrid a startups de BFAero con 18 fondos de capital

A Xunta reúne na Oficina Económica de Galicia en Madrid a startups de BFAero con 18 fondos de capital

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, participou no Investor Day organizado pola Business Factory Aero (BFAero) e XesGalicia, celebrado na Oficina Económica de Galicia en Madrid, onde subliñou que é “crucial” conectar startups con entidades investidoras, xa que “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

Durante o Investor Day, a conselleira explicou que “detectamos e acompañamos a moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con XesGalicia: necesitamos o investimento privado. Por tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”.

No encontro 18 entidades investidoras con teses en deep tech, space tech, intelixencia artificial, ciberseguridade, mobilidade, aeroespacio, defensa e tecnoloxías duais reuníronse na Oficina Económica de Galicia en Madrid con once proxectos tecnolóxicos da 7ª edición de BFAero e con tres compañías consolidadas do ecosistema da aceleradora, co obxectivo de explorar oportunidades de investimento, coinversión e escalado en tecnoloxías de alto valor engadido.


Galicia, ecosistema atractivo para o investimento especializado

Galicia continúa consolidando un ecosistema capaz de atraer talento, xerar innovación de alto impacto e espertar o interese de investidores especializados nacionais e internacionais, convertendo o potencial tecnolóxico en oportunidades reais de crecemento económico e emprego cualificado.

BFAero, a aceleradora aeroespacial da Xunta de Galicia, forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio da Consellería de Economía e Industria, unha folla de roteiro que prevé mobilizar ata 900 millóns de euros de investimento ata 2030, apoiada por un investimento público de 183 millóns de euros destinada a fortalecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e empresariais da comunidade en sectores considerados estratéxicos para a autonomía tecnolóxica e a competitividade europea.

Desde a súa posta en marcha en 2019, BFAero apoiou a creación de 49 empresas novas. Máis do 80% delas continúan activas e crecendo. En conxunto, estas compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados e máis de 28 millóns de euros de volume de negocio anual.

Nas dúas últimas edicións, as empresas de BFAero captaron máis de 14 millóns de euros, con preto do 70% procedente de capital privado, o que confirma a capacidade do programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

Varias startups vinculadas o ecosistema BFAero lograron tamén recoñecemento internacional ao ser seleccionadas por programas de referencia como DIANA, a aceleradora de innovación da OTAN; ou ao atraer investimento de entidades estratéxicas como o NATO Innovation Fund, consolidando a proxección global do ecosistema aeroespacial galego.

Da tecnoloxía ao mercado

A metodoloxía de BFAero acompaña aos proxectos en todo o proceso de maduración empresarial, desde a validación tecnolóxica ata a preparación para o investimento, traballando aspectos clave como o modelo de negocio, a estratexia de mercado, a propiedade intelectual, a validación comercial, a estratexia de financiamento e a conexión con grandes empresas tractoras do sector.

Este traballo permite que as startups cheguen aos investidores con tecnoloxías diferenciais, equipos altamente especializados e propostas de valor orientadas a mercados con gran potencial de crecemento, especialmente en ámbitos duais con aplicacións civís, industriais, de seguridade e defensa.

O Investor Day reforza así o papel de BFAero como plataforma de xeración de oportunidades de investimento en aeroespacio, seguridade, defensa e tecnoloxías duais, e como instrumento de conexión entre innovación tecnolóxica, industria e capital privado.

BFAero apoiou a xeración de 310 empregos e 28,6 M€ de volume de negocio en Galicia

BFAero apoiou a xeración de 310 empregos e 28,6 M€ de volume de negocio en Galicia

A Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora aeroespacial impulsada pola Consellería de Economía e Industria, apoiou a 49 proxectos empresariais desde 2019, dos cales 15 son empresas de nova creación. BFAero demostrou capacidade de atracción de talento empresarial procedente doutros territorios, xa que algunhas destas empresas mudáronse a Galicia procedentes de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Castela e León, alén doutros países como Noruega, Uruguai e Portugal.

En conxunto, as compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados, un volume de negocio acumulado de 28,6 millóns de euros e realizaron investimentos por valor de 16 millóns de euros. O impacto económico xerado polas empresas aceleradas reflicte a capacidade de Galicia para transformar proxectos innovadores en actividade empresarial con impacto en todo o territorio.

O impacto da aceleradora presentouse durante o acto de licenciamiento da sexta edición e o lanzamento da sétima, que se celebrou nas instalacións da empresa Kreios Space recentemente implantada no polígono de Porto do Molle (Nigrán). O acto contou coa participación da conselleira de Economía e industria, María Jesús Lorenzana, que coñeceu de primeira man os proxectos da compañía galega.

Pegada industrial por toda Galicia

A pegada industrial de BFAero en Galicia distribúese por todo o territorio. Entre os proxectos impulsados destacan casos como Kreios Space e Lupeon en Nigrán; Aguia Analítica en Oleiros; Aeromedia e ITG Drone Solutions na Coruña; Arzeos Aircraft en Silleda; Luxit en Ourense; ou Vig-Sec Drone en Lugo.

Ademais, os proxectos da quinta e sexta edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado. Cabe destacar que preto do 70% deses recursos proceden de fondos de investimento privados, un indicador que evidencia a confianza do mercado nas capacidades tecnolóxicas e o potencial de crecemento das empresas xurdidas do programa.

Un ecosistema de colaboración público-privada

Tras seis edicións, BFAero consolidouse como un dos principais instrumentos de apoio ao emprendemento tecnolóxico e ao desenvolvemento da industria aeroespacial en España. O programa colabora con máis de 55 entidades, entre empresas tractoras (Airbus, Avincis ou Telespazio), centros tecnolóxicos, as universidades galegas e empresas da cadea de valor.

A aceleradora forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que conta cunha dotación pública de 183 millóns de euros e unha capacidade estimada para mobilizar preto de 900 millóns de euros mediante a colaboración público-privada.

Galicia leva o modelo BFAero a Europa

Galicia leva o modelo BFAero a Europa

BFAero participou no sétimo encontro interrexional do proxecto europeo MAE (Moving Towards Aerospace) como referente de modelo de aceleradora vertical. Trátase dunha iniciativa de Interreg Europe na que dez rexións de sete países, entre elas Galicia, colaboran para fortalecer ecosistemas aeroespaciais máis competitivos, innovadores e conectados.

Europa mira a Galicia a través dunha experiencia de intercambio que, cada vez, esperta máis interese e que persegue tres obxectivos:

  • O desenvolvemento dun ecosistema aeroespacial sólido

  • A transformación do talento e a innovación en empresas viables

  • O deseño dun programa público de incubación e aceleración con impacto real.

Durante a xornada, o equipo da aceleradora aeroespacial, impulsada pola Xunta de Galicia e xestionada por Fundación CEL, compartiu algúns elementos clave do seu modelo. Representantes de Países Baixos, Noruega, Italia, República Checa, Romanía, Serbia, Ucraína e Irlanda interesáronse polos cinco elementos que sustentan o modelo BFAero:

  1. Gobernanza
  2. Implicación de empresas tractoras
  3. Colaboración público-privada
  4. Especialización sectorial
  5. Capacidade de xerar impacto económico e industrial no territorio.

Tras sete edicións, BFAero consolidouse como un dos principais instrumentos de impulso ao emprendemento aeroespacial en España. A súa traxectoria reflicte o valor de combinar apoio institucional, visión estratéxica e conexión coa industria para acompañar a startups tecnolóxicas no seu crecemento e consolidación.

Os resultados avalan ese percorrido:

  • Xeración de máis de 275 empregos cualificados
  • Un total de 14M€ captados polos proxectos apoiados
  • Consolidación dunha rede de colaboración formada por máis de 55 entidades do ecosistema aeroespacial e tecnolóxico.

Detrás destes resultados está o compromiso sostido da Xunta de Galicia, que impulsou o programa integrándoo nunha visión estratéxica de longo prazo como é a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025–2030 (Iesda), dotada con 183 millóns de euros de investimento público e cunha capacidade estimada para mobilizar preto de 900 millóns de euros en colaboración público-privada.

BFAero forma parte activa desta estratexia, contribuíndo ao fortalecemento do ecosistema aeroespacial galego e á proxección internacional de Galicia como territorio de innovación, industria e tecnoloxía.

A Xunta e a EOI impulsan as capacidades de proxectos de BFAero para o seu achegamento ao sector defensa

A Xunta e a EOI impulsan as capacidades de proxectos de BFAero para o seu achegamento ao sector defensa

Os proxectos Drone Silencer, Kreios Space e Binarial, pertencentes ao ecosistema BFAero, participan no Programa Ejecutivo en Industria de Defensa (Galicia) impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).


Esta formación especializada, orientada a profesionais, directivos e empresas interesadas en reforzar as súas capacidades no ámbito da seguridade e a defensa, enmárcase dentro da aposta da Xunta por consolidar a Galicia como un territorio con capacidades industriais e tecnolóxicas competitivas neste sector estratéxico.

Formación especializada para un sector en crecemento

O programa, iniciado o pasado 17 de abril en formato semipresencial e cunha duración total de 128 horas, ofrece aos participantes unha visión integral do ecosistema da industria de defensa, abordando aspectos relacionados co financiamento, a xestión de programas, a innovación e as oportunidades de negocio dentro do sector.

A participación de proxectos do ecosistema BFAero nesta iniciativa está a permitir aos seus equipos profundar no funcionamento do sector, coñecer novas ferramentas de xestión e analizar as oportunidades existentes nunha contorna altamente tecnolóxica e regulado.

Capacitación e visión estratéxica

A participación de Drone Silencer, Kreios Space e Binarial neste programa reflicte o compromiso do ecosistema BFAero coa formación continua, a especialización e o desenvolvemento de capacidades estratéxicas en ámbitos vinculados ao sector aeroespacial, tecnolóxico e de defensa.

Alén da aprendizaxe adquirida durante as sesións, esta experiencia está a favorecer o intercambio de coñecemento e o contacto con profesionais, institucións e empresas do sector, ampliando a visión estratéxica dos proxectos participantes e xerando novas oportunidades de colaboración.

BFAero e o impulso ao talento innovador

Desde BFAero continúase apostando por achegar aos seus proxectos iniciativas formativas de alto valor engadido que contribúan ao crecemento empresarial, a especialización tecnolóxica e a conexión con sectores emerxentes e estratéxicos.


A participación de startups do ecosistema en programas como o impulsado pola Xunta de Galicia e a EOI reforza o posicionamento de Galicia como unha contorna de referencia para a innovación aeroespacial e tecnolóxica, así como o compromiso de BFAero co impulso do talento e a competitividade empresarial.

14 Proxectos internacionais inscríbense na 7ª edición de BFAero, a súa convocatoria máis cosmopolita

14 Proxectos internacionais inscríbense na 7ª edición de BFAero, a súa convocatoria máis cosmopolita

Con esta cifra, BFAero alcanza o seu obxectivo de ampliar o seu radio de atracción máis aló do ámbito nacional, reforzando o seu posicionamento como referencia europea en emprendemento aeronáutico e aeroespacial.

Orixe dos proxectos

  • Proxectos internacionais: sete proceden de países da Unión Europea (Italia, Noruega, Dinamarca, Lituania e Bulgaria, entre outros) e o resto de Arxentina, Malaisia, Turquía, India e Suíza.

  • Proxectos nacionais: a convocatoria tamén espertou un alto interese: 78 propostas españolas, das cales un 61 % proveñen de comunidades como Cataluña (12), Madrid (11), Andalucía (9), País Vasco (3) ou Canarias (2). Os proxectos galegos representan o 39 % do total, con 30 candidaturas.

Principais áreas temáticas

As iniciativas rexistradas circunscríbense en catro áreas temáticas:

  • Desenvolvemento de aplicacións dos vehículos non tripulados para mercados concretos, por exemplo emerxencias e protección civil ou a inspección industrial de infraestrutura (56%).

  • Tecnoloxías aplicadas ao sector satelital (20%).

  • Creación de plataformas e os seus compoñentes, no que se inclúen estruturas, enerxía, propulsión, sistemas, navegación e pilotaxe (15%).

  • Proxectos de equipos e sistemas para embarcados ou en terra (10%).

Itinerarios de BFAero

O programa conta con 3 itinerarios, adaptados ao grao de madurez de cada proxecto:

  • Para a fase de Incubación, a fase temperá, inscribíronse o 40% de proxectos.

  • En Aceleración, dirixida a proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están a realizar as súas primeiras vendas, inscribíronse o 45% dos proxectos.

  • En Consolidación, modalidade deseñada para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio, rexistráronse un 15% dos rexistrados.

Mellor aceleradora de España

Recoñecida por segundo ano consecutivo como a mellor aceleradora de España no ranking nacional FUNCAS, BFAero é hoxe unha panca estratéxica de creación e aceleración empresarial no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030, impulsada pola Consellería de Economía e Industria.

O programa demostrou un forte impacto tanto económico como industrial en Galicia. Desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 58 proxectos, creou 15 novas empresas tecnolóxicas e promoveu o traslado a Galicia de 13 empresas e a creación de máis de 270 empregos cualificados. Os proxectos da 5ª e 6ª edición captaron máis de 14 millóns de euros de investimento.