A empresa galega Vig-Sec Drone, participante nos itinerarios de Aceleración da 5.ª edición e Consolidación da 6.ª edición da Business Factory Aero (BFAero), foi seleccionada pola aceleradora tecnolóxica DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic) para participar na súa fase Mission Track (fase orientada á adopción operacional), só 15 compañías da cohorte 2026, formada por 150 innovadores seleccionados entre máis de 3.600 propostas, accederon a esta nova fase do programa.

A compañía participa con Suite ACRE, unha plataforma tecnolóxica desenvolvida para a xestión e coordinación táctica do espazo aéreo de media e baixa cota, que permite integrar nunha mesma capa de coordinación a información procedente de drons propios, sistemas antidron (C-UAS) e outros medios aéreos.
Mission Track é a fase de continuación do programa de aceleración de NATO DIANA dirixida a tecnoloxías que demostraron un forte interese para a defensa e unha clara aliñación con necesidades operativas dos países aliados. O seu obxectivo é achegar as solucións seleccionadas á preparación operacional e facilitar vías para a súa adopción a escala.
As compañías seleccionadas poden acceder a ata 300.000 euros de financiamento contractual adicional de carácter non dilutivo, alén de continuar utilizando a rede de centros de probas de NATO DIANA e recibir apoio específico para avanzar nos seus procesos de adopción e escalado.
Validación en contornas operativas internacionais
En paralelo a este novo avance dentro de NATO DIANA, Suite ACRE participa durante estas semanas en REPMUS26, exercicio multinacional dedicado á experimentación e integración de sistemas non tripulados que se desenvolve en Troia e Sesimbra, Portugal, entre o 31 de agosto e o 25 de setembro.
O exercicio reúne a 36 países e máis de 130 empresas provedoras de tecnoloxía dual para a OTAN, alén de organismos como a European Defence Agency (EDA) e a European Maritime Safety Agency (EMSA), e constitúe unha contorna de referencia para probar a interoperabilidade de novas tecnoloxías aplicadas a escenarios operativos.
Segundo comunicou Vig-Sec Drone, Suite ACRE está a ser utilizada durante o exercicio para a coordinación do espazo aéreo de media e baixa cota, reforzando a validación da plataforma en escenarios internacionais de elevada esixencia operativa.

Unha traxectoria vinculada a BFAero
Fundada en Galicia en 2019, Vig-Sec Drone desenvolveu unha traxectoria vinculada ao ecosistema galego de innovación e emprendemento tecnolóxico. A compañía participou en BFAero, dentro dos itinerarios de Aceleración da 5.ª edición e Consolidación da 6.ª edición, etapas nas que puido impulsar o desenvolvemento e crecemento do seu proxecto dentro dunha contorna especializada nos sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados.
A súa evolución reflicte o potencial dos proxectos apoiados por BFAero para avanzar desde o desenvolvemento tecnolóxico ata a validación operacional, a conexión con grandes actores do sector e a expansión cara a mercados internacionais.
Actualmente, Suite ACRE conta con máis de 2.000 usuarios e está presente en organismos públicos, axencias de emerxencias e unidades das Forzas Armadas. A plataforma xa participou en exercicios nacionais e internacionais como ATLAS, Steadfast Dart e Spring Storm, e a finais de setembro estará tamén presente en Drone Shield 2026, en República Checa.
A participación en REPMUS26 e a selección para Mission Track de NATO DIANA representan así dous fitos dentro da traxectoria internacional de Vig-Sec Drone e poñen de manifesto a capacidade das empresas vinculadas ao ecosistema BFAero para desenvolver solucións tecnolóxicas con aplicación internacional en sectores estratéxicos.
Business Factory Aero, promovida pola Xunta de Galicia a través de IGAPE e XesGalicia e xestionada pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, acompaña proxectos dos sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados nas súas fases de incubación, aceleración e consolidación. A 8.ª convocatoria de BFAero está aberta a novos proxectos e empresas que queiran desenvolver e escalar as súas solucións dentro deste ecosistema especializado.

