A directora do Igape, Covadonga Toca, xunto coas startups seleccionadas na sexta edición da Business Factory Aero (BFAero) e as empresas tractoras, celebraron unha reunión de traballo na Cidade da Cultura que permitiu detectar necesidades e abrir novas vías de colaboración.
Ademais, durante o encontro, representantes das empresas Airbus, Avincis, Telespazio e a UTE Aertec-Tecnobit que forman parte do ecosistema, explicaron cales son os retos aos que se enfronta o sector e as liñas de innovación nas que enfocan os seus recursos, co obxectivo de estudar posibles sinerxias coas startups.
A sexta edición da BFAero, programa impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento no sector aeroespacial, aeronáutico e de vehículos non tripulados, vai impulsar 12 proxectos. Na fase de incubación iniciaron a súa formación C5 Airtech, DroneSilencer, PLENO GmbH y 3Top. En fase de aceleración as propostas de Dronomy, Slimop Spacce, BirdStrikeDrone, Next Generation Airtpirt Solutions e Valar Space e, na fase de consolidación, Kreios Space, Vig-Seg Drone y Arzeos Aircraf.

Covadonga Toca nun momento da súa intervención
Apoio startups e proxectos estratéxicos
Covadonga Toca presentou os servizos da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto áxil e personalizado que ofrece atención técnica especializada, apoio operativo e acompañamento estratéxico nunha contorna de proximidade e confianza, especialmente útil para sectores de alta innovación como o aeroespacial.
Así mesmo, a directora do Igape explicou as principais liñas de axuda activadas este ano polo Instituto, destacando os programas dirixidos a startups, os préstamos directos a proxectos estratéxicos, os apoios á transformación dixital ou as novas ferramentas para impulsar a saída ao exterior das empresas galegas.
A xornada concluíu cun espazo de networking no que os representantes das startups puideron compartir en primeira persoa as súas propostas e inquietudes con responsables do Igape e empresas do sector.
Impacto BFAero
A BFAero, mellor aceleradora de España por segundo ano consecutivo, demostrou nestes anos un forte impacto tanto económico como industrial en Galicia. Desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 220 empregos cualificados. A sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas rexistradas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais.
Galicia consolídase así como un dos principais polos de innovación no sector aeroespacial no Estado, cun ecosistema dinámico que integra más de 55 entidades públicas y privadas, todas elas unidas para impulsar solucións tecnolóxicas que respondan os retos da industria e da sociedade.



