«Startups innovadoras e disruptivas que xeren pegada industrial», Isaac Rosón (IGAPE)
“O zume que alimenta a innovación en cada rincón” é un percorrido que realiza o diario ABC polas principais aceleradoras e viveiros de empresa de España a partir da clasificación FUNCAS. Entre as iniciativas destacadas, detense na Business Factory Aero (BFAero), recoñecida por segundo ano consecutivo como a mellor aceleradora do país.
Desde a primeira edición, en 2019, a través de BFAero desenvolvéronse, 39 solucións tecnolóxicas, constituíronse cinco empresas, atraeuse a outras once a Galicia, xeráronse 220 empregos de alta calidade e nas edicións 4 e 5 conseguíronse realizar vendas por 1,9 millóns de euros. “A Xunta é o impulsora pero a xestión da aceleradora está en mans privadas. A través de convenios de colaboración entre ambos se realizan as distintas edicións. Temos fase de incubación, aceleración e consolidación; en función do proxecto e a súa madurez, entra nunha ou outra fase”, explica Isaac Rosón, director de innovación do IGAPE.
O 50 % dos proxectos que se presentan proceden do estranxeiro. Todos contan con tutorización, mentorización, formación especializada (tanto para a xestión do negocio como para a solución técnica que propoñen), networking e “conexión con potenciais clientes e investidores especializados no sector”, engade Rosón. “A Xunta tamén proporciona unha subvención directa para desenvolver ideas. Na fase de incubación apoian tres proxectos con 40.000 euros cada un para desenvolver pequenos prototipos e validalos. Na aceleración, axuda a 5 proxectos con 60.000 euros cada un e na consolidación 3 proxectos con 30.000 euros”, subliña o director de innovación do IGAPE.
Actualmente, a BFAero impulsa proxectos tan diversos como espellos superlivianos de alta precisión para telescopios espaciais, drons biomiméticos para o control de aves en aeroportos, drons de propulsión eléctrica con pilas de combustible de hidróxeno ou drons mariños para operacións de rescate na auga. Este ecosistema aeronáutico galego conta con máis de 55 entidades que cooperan co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos emprendedores da industria aeroespacial, aeronáutica e de vehículos non tripulados.







