Kreios Space pecha unha rolda semente de 8 millóns de euros e reforza o papel de Galicia como polo aeroespacial europeo

Kreios Space pecha unha rolda semente de 8 millóns de euros e reforza o papel de Galicia como polo aeroespacial europeo

A startup participante na BFAero, Kreios Space, fundada en 2021 e especializada en satélites de moi baixa órbita (VLEO, polas súas siglas en inglés), pechou unha rolda de investimento semente sobresuscrita de 8 millóns de euros. Liderada por NATO Innovation Fund (fondo de innovación da OTAN) e por Join Capital, convértese na maior rolda de financiamento europeo de tecnoloxías VLEO. A operación tamén contou co respaldo de investidores que xa apoiaran á compañía na súa rolda pre-semente de 2024, entre eles Xesgalicia, Grow Venture Partners e Tasivia Global.

Trátase do primeiro investimento do fondo da OTAN nunha empresa española, un fito que sitúa a Galicia no mapa da innovación aeroespacial europea e reforza a súa aposta estratéxica pola defensa e a seguridade como motor de emprego cualificado. Isto supón un recoñecemento á estratexia que a Comunidade Autónoma impulsou nos últimos anos para consolidarse como hub de innovación aeroespacial en Europa. Iniciativas da Xunta de Galicia como a BFAero ou os apoios do IGAPE ao novo centro de probas en baleiro, así como o talento da Universidade de Vigo, son pezas crave nun ecosistema que xa compite a nivel internacional.

Fundada en 2021 por Adrián Senar, Jan Mataró, Francisco Boira, Adrià Barceló, Max Amer e Francisco Bosch, Kreios desenvolve satélites que orbitan máis baixo do normal, en VLEO, impulsados polo seu sistema de propulsión propio. Este sistema, baseado na tecnoloxía ABEP (Air-Breathing Electric Propulsion), permite operar a uns 200 quilómetros da Terra, unha altitude que antes se consideraba imposible debido á resistencia atmosférica. Utilizando o propio aire atmosférico como combustible, os satélites de Kreios poden permanecer en órbita durante anos en lugar de días, desbloqueando unha rexión espacial con enormes implicacións para a defensa, a conectividade e a soberanía.

Os satélites VLEO capturan imaxes cunha resolución tres veces superior á dos satélites actuais, ofrecendo beneficios en aplicacións que van desde a detección de incendios ata a protección de infraestruturas críticas. A súa proximidade á Terra tamén permite comunicacións de banda ancha directas ao dispositivo sen antenas voluminosas, facilitando así o camiño para unha conectividade verdadeiramente global e resiliente. Para Europa e a OTAN, o control desta tecnoloxía fortalece a independencia operativa, reduce a dependencia a Estados Unidos e apoia as ambicións de desenvolver capacidades espaciais soberanas. Desde Vigo, Kreios Space aspira a ser a primeira empresa capaz de manter satélites en VLEO de forma indefinida.

Galicia no mapa internacional do espazo
Kreios Space, conta actualmente con 17 empregados, dos cales a metade son galegos, algúns deles retornados tras desenvolver as súas carreiras fóra. O 80% das contratacións corresponden a enxeñeiros e técnicos altamente cualificados, e a compañía ten abertos sete postos máis en Vigo.

O papel e o apoio institucional da Xunta de Galicia foron determinantes para o I+D de Kreios Space. Adrián Senar, CEO e cofundador de Kreios Space, destaca: “Xesgalicia foi un actor crave para o noso crecemento. Ademais de ser un dos primeiros investidores en Kreios, abriunos a porta ao ecosistema público e de innovación galego. Grazas a ese apoio, que comezou coa aceleradora BFAero, esencial para nós, trasladámonos a Vigo e hoxe temos aquí todo o noso centro de desenvolvemento tecnolóxico. Esta rolda non só valida a nosa tecnoloxía, tamén demostra que Galicia conta co talento, as capacidades e o apoio institucional necesarios para converterse en referente mundial no sector aeroespacial”.

A compañía recalca o apoio do IGAPE, que cofinanciou a cámara de baleiro implantada nas súas instalacións. Esta infraestrutura permite realizar probas de satélites e iteracións a diario, acelerando o desenvolvemento da tecnoloxía e reducindo prazos de anos a semanas. Ademais, está dispoñible para outras empresas que necesiten validar proxectos en condicións sen carga, converténdose nun gran recurso para o ecosistema rexional.

De igual modo, as universidades galegas son un socio estratéxico para Kreios. Especialmente a Universidade de Vigo, coa que mantén programas de prácticas, contratos conxuntos de desenvolvemento en execución como o Proxecto Ícaro da Axencia Espacial Española para a detección e prevención de incendios vía satélite, ademais dunha colaboración constante para captar e formar talento.

Galicia leva moito tempo apostando polo sector espacial, tendo empresas punteiras como Alén Space e UARX. Este fito é unha mostra máis de que o polo aeroespacial galego estase posicionado como un actor crave a nivel internacional”, subliña Senar.

A rolda, sumada aos 2,3 millóns de euros recadados en 2024, financiará os dous primeiros satélites de proba da compañía, incluíndo a primeira demostración en órbita do mundo dun motor ABEP. A partir de aí, Kreios expandirase cara ao despregamento comercial e o desenvolvemento de constelacións dedicadas á observación da Terra e as comunicacións directas aos teléfonos.

Kreios Space e Centum, startups galegas de BFAero, galardoadas na feira Mindtech 2025 pola súa innovación e disrupción

Kreios Space e Centum, startups galegas de BFAero, galardoadas na feira Mindtech 2025 pola súa innovación e disrupción

A Startup Area do Mindtech Startup Event acolleu a final do certame de innovación impulsado por ASIME, en colaboración coa Xunta de Galicia, no marco da feira industrial Mindtech. Nesta edición, a startup galega Kreios Space foi recoñecida como a startup máis disruptiva do evento. O proxecto, que forma parte da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), foi presentado por Yago Recarey, Project Manager da compañía.

Xunto a Kreios Space, tamén participaron como finalistas outras empresas do ecosistema BFAero, Vig-Sec Drone, representada polo seu CEO, Rubén Gil Fontán, na mesma categoría de “Startup máis disruptiva”, e AGUIA Analítica, coa intervención de Macarena Álvarez, responsable de desenvolvemento de negocio, na categoría de “Procesos dixitais aplicados á industria”.

Doutra banda, durante a entrega dos Mindtech Awards, celebrada tamén no marco da feira, a empresa Centum, participante da segunda edición da Business Factory Aero, foi galardoada na categoría de Innovación. O xurado recoñeceu as súas solucións avanzadas no ámbito da enxeñería e a industria aeroespacial, destacando especialmente o seu enfoque disruptivo, a súa metodoloxía propia e o seu modelo de innovación aberta.

Impulso institucional ao emprendemento innovador

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na apertura do Mindtech Startup Event, un encontro que reúne a emprendedores, investidores, empresas tractoras e representantes institucionais no marco da feira industrial Mindtech en Vigo e no que puxo en valor a importancia da conexión entre industria e emprendemento para impulsar a competitividade da economía galega.

Toca Carús destacou a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Igape, e ASIME, unha alianza que se mantén desde 2019 e que deu lugar á consolidación do Mindtech Startup Area, espazo expositivo que acolle aceleradoras, incubadoras e startups con alto contido tecnolóxico.

O Mindtech Startup Event céntrase nesta edición en cuestións crave para o crecemento das novas empresas tecnolóxicas: financiamento en fases temperás, escalado de proxectos, ecosistema emprendedor e as finais do concurso de startups en tres categorías: proxecto máis disruptivo, innovación en sistemas enerxéticos e ambientais, e procesos dixitais aplicados á industria.

Apoio integral ás startups galegas

Neste escenario, subliñou Toca Carús, a Xunta reafirma a súa aposta polo emprendemento innovador cun conxunto de instrumentos de apoio que abarcan desde as fases máis iniciais ata a expansión internacional. Entre eles, a directora do Igape destacou a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto.

Estas medidas, lembrou, compleméntanse coa rede de aceleradoras sectoriais Business Factory -BFAuto, BFFood, BFAero, BF Clima Tech-, que contarán este ano con novas incorporacións nos ámbitos da saúde, o deporte e as enerxías renovables. “Este modelo de acompañamento integral converte a Galicia nun territorio especialmente atractivo para emprender”, sinalou Toca, quen insistiu en que “o emprendemento non é só unha estratexia económica, senón tamén unha forma de construír comunidade e futuro”.

Industria metalúrxica e internacionalización

A directora do Igape referiuse tamén ao bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %. Este sector, segundo explicou, está a gañar peso en ámbitos de alto valor como a defensa, a aeronáutica e a eólica mariña, o que obriga a fortalecer a conexión co sistema educativo e atraer novo talento.

En paralelo, a internacionalización segue sendo unha das grandes apostas da Xunta. En 2024, Galicia conseguiu unha cifra récord de exportacións por valor de 31.019 millóns de euros, cun crecemento interanual do 12 % en marzo de 2025. Toca destacou que os produtos exportados son de alto valor engadido —automoción, alimentación ou biotecnoloxía—  e que os destinos se diversifican cada vez máis.