Arzeos Aircraft avanza no desenvolvemento da súa aeronave Z01 e inicia as probas de voo

Arzeos Aircraft avanza no desenvolvemento da súa aeronave Z01 e inicia as probas de voo

A empresa Arzeos Aircraft, integrada no ecosistema da Business Factory Aero (BFAero), iniciou as probas de voo da súa aeronave ultralixeira biprazas Z01, unha fito clave no desenvolvemento dun proxecto aeronáutico deseñado e fabricado desde Galicia.

Para iso, a startup dispón dunha bolsa de servizos tecnolóxicos para o acceso ás infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), situado no aeródromo de Rozas en Castro de Rei (Lugo). Este centro é unha iniciativa conxunta do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a Xunta de Galicia.

Con sede en Silleda (Pontevedra), Arzeos deseña, fabrica e comercializa aeronaves ultraligeras biprazas pilotadas, cunha proposta de valor baseada na innovación, a seguridade, as prestacións e o confort, incorporando solucións tecnolóxicas propias tanto no deseño da aeronave como nos seus sistemas.

Unha fito clave no desenvolvemento do Z01

O inicio das probas de voo supón un avance significativo para Arzeos e achega o proxecto aos seus seguintes obxectivos. A compañía traballa actualmente no camiño cara á certificación do Z01, paso necesario para avanzar posteriormente cara á súa produción e comercialización.

Este avance chega acompañado dunha crecente proxección internacional. En abril de 2026, Arzeos presentou o Z01 en AERO Friedrichshafen, unha das principais feiras internacionais de aviación xeral, mostrando a evolución da súa aeronave ante profesionais e potenciais clientes do sector.

Da incubación á consolidación en BFAero

A evolución de Arzeos tamén se reflicte na súa traxectoria dentro de Business Factory Aero. A compañía participou na 5ª edición no itinerario de Incubación, avanzou posteriormente ao itinerario de aceleración na 6ª edición e completou a 7ª edición dentro do itinerario de consolidación.

Este percorrido reflicte a maduración progresiva dun proxecto que pasou das súas primeiras fases de desenvolvemento a alcanzar fitos tecnolóxicos como o inicio das probas de voo do Z01.

BFAero, impulso ao talento e a innovación aeroespacial

O caso de Arzeos pon de relevo o papel de BFAero como plataforma de apoio ao desenvolvemento e crecemento de empresas innovadoras do sector aeroespacial, acompañándoas nas diferentes etapas da súa evolución.

Desde a súa posta en marcha en 2018, BFAero apoiou 49 proxectos, creado 15 novas empresas tecnolóxicas e promovido o traslado a Galicia de 21 empresas, contribuíndo á creación de máis de 320 empregos cualificados. Os proxectos captaron ademais máis de 16 millóns de euros de investimento.

Arzeos afronta agora unha nova etapa centrada en avanzar cara á certificación da súa aeronave e continuar preparando a súa chegada ao mercado.

Propiedade Industrial: a vantaxe competitiva que multiplica o valor dunha startup

Propiedade Industrial: a vantaxe competitiva que multiplica o valor dunha startup

Unha startup pode dedicar anos a desenvolver unha nova aeronave, un sistema intelixente para drons, un algoritmo de navegación autónoma ou unha tecnoloxía de comunicacións espaciais. Con todo, se esa innovación non está correctamente protexida, o verdadeiro valor xerado pode acabar en mans de terceiros.


Con esta reflexión de fondo, os proxectos da 7º edición da Business Factory Aero (BFAero) participaron nunha sesión específica sobre Propiedade Industrial (PI) e o seu impacto no negocio. Desenvolver unha gran tecnoloxía é só o primeiro paso, transformala nunha empresa competitiva esixe tamén construír unha estratexia sólida de Propiedade Industrial e Intelectual.


Os proxectos de BFAero reciben formación e acompañamento especializado para identificar os seus activos tecnolóxicos, definir a mellor estratexia de protección e preparar a súa tecnoloxía para afrontar con maiores garantías procesos de investimento, colaboración industrial e internacionalización.

A innovación non basta. Hai que saber protexela.

En sectores intensivos en tecnoloxía como o aeroespacial, aeronáutico e dos vehículos non tripulados (UAV), a Propiedade Industrial e Intelectual (PI) deixa de ser unha cuestión xurídica para converterse nun activo estratéxico de negocio.


A PI protexe a capacidade dunha empresa para crecer, atraer investimento, negociar con grandes corporacións e manter unha vantaxe competitiva sostible. Numerosos estudos mostran que, no sector aeroespacial, a propiedade intelectual representa ata o 80% do valor empresarial e constitúe un dos aspectos máis analizados polos fondos de investimento durante unha due diligence.

Por que é tan importante para unha startup aeroespacial?

Nun mercado tan competitivo como o aeroespacial, onde os ciclos de desenvolvemento son longos e os investimentos elevados, protexer correctamente a innovación pode marcar a diferenza entre liderar un mercado ou perdelo.

A Propiedade Industrial é o conxunto de dereitos que permiten protexer as innovacións, desenvolvementos tecnolóxicos e signos distintivos dunha empresa. O seu obxectivo non é unicamente impedir que outros copien unha tecnoloxía, tamén permite:

  • Aumentar a valoración da empresa
  • Xerar barreiras de entrada fronte á competencia
  • Facilitar roldas de investimento
  • Negociar licenzas tecnolóxicas
  • Monetizar os resultados da I+D
  • Reforzar a posición da empresa ante clientes e socios industriais

Que tipo de Propiedade Industrial necesita unha empresa do sector aeroespacial?

Unha mesma tecnoloxía pode estar protexida simultaneamente mediante varias figuras xurídicas, cada unha destinada a protexer un aspecto diferente do proxecto.

  1. 1. Patente. Protexe unha solución técnica nova, non obvia e con aplicación industrial, ata 20 anos sempre que se manteñan os requisitos legais. É a mellor opción en casos como o desenvolvemento dun novo sistema de propulsión, o deseño dun sensor innovador ou un novo sistema de control de voo.

2. Copyright. Protexe a expresión orixinal dunha creación. Non protexe a idea, senón a súa materialización. O copyright nace automaticamente, aínda que é recomendable reforzar a proba de autoría mediante rexistros ou sistemas de control de versións. Resulta especialmente adecuado para software, código fonte, interfaces, APIs, documentación técnica, arquitectura do software ou materiais gráficos.

3. Bases de datos. Protegen inversiones significativas realizadas para recopilar, organizar o verificar datos. Cada vez resultan más relevantes para empresas que desarrollan inteligencia artificial, navegación autónoma, sistemas predictivos, plataformas de gestión de flotas y soluciones basadas en Big Data.

4. Segredo empresarial. Ampara toda aquela información que achega valor precisamente porque permanece confidencial. É especialmente recomendable cando a tecnoloxía resulta difícil de descubrir mediante enxeñería inversa ou evoluciona moi rapidamente, algoritmos preditivos, modelos de IA, parámetros de adestramento, know-how, procesos industriais, configuracións técnicas ou nas estratexias de fabricación.

5. Marcas. Modalidade na que se salvagarda a identidade comercial. Esencial para construír reputación e diferenciar a oferta en mercados internacionais. A marca inclúe os seguintes elementos: nome da empresa, logotipo, nome do produto e slogan.

6. Deseños industriais. Custodia a aparencia externa dun produto, o seu aspecto visual. A forma dun dron, o deseño exterior dunha aeronave, a carcasa dun sensor ou a configuración visual dun robot autónomo.

Que convén máis: patente ou secreto empresarial?

Os proxectos tiveron a oportunidade de resolver preguntas frecuentes como a conveniencia de recorrer a unha patente ou a un segredo empresarial. Aínda que en moitas ocasións a mellor estratexia consiste en combinar ambas as modalidades, existe diferenzas.

A patente é máis conveniente cando o produto pode copiarse facilmente, será necesario mostrar a tecnoloxía ao mercado, búscase atraer investimento ou interesa dispoñer de activos rexistrais. Pola contra, convén manter o segredo cando a tecnoloxía non pode descubrirse facilmente, o know-how reside en procesos internos ou a innovación evoluciona continuamente.

Pode xerar ingresos a Propiedade Industrial?

Un dos aspectos máis relevantes da sesión foi a abordaxe da PI como un elemento que xera valor económico para o proxecto. Entre as principais vías de monetización destacan:

  • Comercialización de produtos tecnolóxicos protexidos
  • Licenciamiento de tecnoloxía
  • Cesión ou venda de dereitos
  • Creación de spin-offs
  • Acordos de transferencia tecnolóxica
  • Utilización da PI como activo en procesos de investimento ou financiamento

Ademais, dispoñer dunha estratexia sólida de Propiedade Industrial mellora a posición negociadora fronte a grandes empresas do sector aeroespacial e facilita a colaboración en proxectos internacionais de I+D+i.

A Xunta reúne na Oficina Económica de Galicia en Madrid a startups de BFAero con 18 fondos de capital

A Xunta reúne na Oficina Económica de Galicia en Madrid a startups de BFAero con 18 fondos de capital

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, participou no Investor Day organizado pola Business Factory Aero (BFAero) e XesGalicia, celebrado na Oficina Económica de Galicia en Madrid, onde subliñou que é “crucial” conectar startups con entidades investidoras, xa que “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

Durante o Investor Day, a conselleira explicou que “detectamos e acompañamos a moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con XesGalicia: necesitamos o investimento privado. Por tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”.

No encontro 18 entidades investidoras con teses en deep tech, space tech, intelixencia artificial, ciberseguridade, mobilidade, aeroespacio, defensa e tecnoloxías duais reuníronse na Oficina Económica de Galicia en Madrid con once proxectos tecnolóxicos da 7ª edición de BFAero e con tres compañías consolidadas do ecosistema da aceleradora, co obxectivo de explorar oportunidades de investimento, coinversión e escalado en tecnoloxías de alto valor engadido.


Galicia, ecosistema atractivo para o investimento especializado

Galicia continúa consolidando un ecosistema capaz de atraer talento, xerar innovación de alto impacto e espertar o interese de investidores especializados nacionais e internacionais, convertendo o potencial tecnolóxico en oportunidades reais de crecemento económico e emprego cualificado.

BFAero, a aceleradora aeroespacial da Xunta de Galicia, forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio da Consellería de Economía e Industria, unha folla de roteiro que prevé mobilizar ata 900 millóns de euros de investimento ata 2030, apoiada por un investimento público de 183 millóns de euros destinada a fortalecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e empresariais da comunidade en sectores considerados estratéxicos para a autonomía tecnolóxica e a competitividade europea.

Desde a súa posta en marcha en 2019, BFAero apoiou a creación de 49 empresas novas. Máis do 80% delas continúan activas e crecendo. En conxunto, estas compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados e máis de 28 millóns de euros de volume de negocio anual.

Nas dúas últimas edicións, as empresas de BFAero captaron máis de 14 millóns de euros, con preto do 70% procedente de capital privado, o que confirma a capacidade do programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

Varias startups vinculadas o ecosistema BFAero lograron tamén recoñecemento internacional ao ser seleccionadas por programas de referencia como DIANA, a aceleradora de innovación da OTAN; ou ao atraer investimento de entidades estratéxicas como o NATO Innovation Fund, consolidando a proxección global do ecosistema aeroespacial galego.

Da tecnoloxía ao mercado

A metodoloxía de BFAero acompaña aos proxectos en todo o proceso de maduración empresarial, desde a validación tecnolóxica ata a preparación para o investimento, traballando aspectos clave como o modelo de negocio, a estratexia de mercado, a propiedade intelectual, a validación comercial, a estratexia de financiamento e a conexión con grandes empresas tractoras do sector.

Este traballo permite que as startups cheguen aos investidores con tecnoloxías diferenciais, equipos altamente especializados e propostas de valor orientadas a mercados con gran potencial de crecemento, especialmente en ámbitos duais con aplicacións civís, industriais, de seguridade e defensa.

O Investor Day reforza así o papel de BFAero como plataforma de xeración de oportunidades de investimento en aeroespacio, seguridade, defensa e tecnoloxías duais, e como instrumento de conexión entre innovación tecnolóxica, industria e capital privado.

BFAero apoiou a xeración de 310 empregos e 28,6 M€ de volume de negocio en Galicia

BFAero apoiou a xeración de 310 empregos e 28,6 M€ de volume de negocio en Galicia

A Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora aeroespacial impulsada pola Consellería de Economía e Industria, apoiou a 49 proxectos empresariais desde 2019, dos cales 15 son empresas de nova creación. BFAero demostrou capacidade de atracción de talento empresarial procedente doutros territorios, xa que algunhas destas empresas mudáronse a Galicia procedentes de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Castela e León, alén doutros países como Noruega, Uruguai e Portugal.

En conxunto, as compañías xeraron máis de 310 empregos cualificados, un volume de negocio acumulado de 28,6 millóns de euros e realizaron investimentos por valor de 16 millóns de euros. O impacto económico xerado polas empresas aceleradas reflicte a capacidade de Galicia para transformar proxectos innovadores en actividade empresarial con impacto en todo o territorio.

O impacto da aceleradora presentouse durante o acto de licenciamiento da sexta edición e o lanzamento da sétima, que se celebrou nas instalacións da empresa Kreios Space recentemente implantada no polígono de Porto do Molle (Nigrán). O acto contou coa participación da conselleira de Economía e industria, María Jesús Lorenzana, que coñeceu de primeira man os proxectos da compañía galega.

Pegada industrial por toda Galicia

A pegada industrial de BFAero en Galicia distribúese por todo o territorio. Entre os proxectos impulsados destacan casos como Kreios Space e Lupeon en Nigrán; Aguia Analítica en Oleiros; Aeromedia e ITG Drone Solutions na Coruña; Arzeos Aircraft en Silleda; Luxit en Ourense; ou Vig-Sec Drone en Lugo.

Ademais, os proxectos da quinta e sexta edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado. Cabe destacar que preto do 70% deses recursos proceden de fondos de investimento privados, un indicador que evidencia a confianza do mercado nas capacidades tecnolóxicas e o potencial de crecemento das empresas xurdidas do programa.

Un ecosistema de colaboración público-privada

Tras seis edicións, BFAero consolidouse como un dos principais instrumentos de apoio ao emprendemento tecnolóxico e ao desenvolvemento da industria aeroespacial en España. O programa colabora con máis de 55 entidades, entre empresas tractoras (Airbus, Avincis ou Telespazio), centros tecnolóxicos, as universidades galegas e empresas da cadea de valor.

A aceleradora forma parte da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespacio 2025-2030, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que conta cunha dotación pública de 183 millóns de euros e unha capacidade estimada para mobilizar preto de 900 millóns de euros mediante a colaboración público-privada.

Galicia leva o modelo BFAero a Europa

Galicia leva o modelo BFAero a Europa

BFAero participou no sétimo encontro interrexional do proxecto europeo MAE (Moving Towards Aerospace) como referente de modelo de aceleradora vertical. Trátase dunha iniciativa de Interreg Europe na que dez rexións de sete países, entre elas Galicia, colaboran para fortalecer ecosistemas aeroespaciais máis competitivos, innovadores e conectados.

Europa mira a Galicia a través dunha experiencia de intercambio que, cada vez, esperta máis interese e que persegue tres obxectivos:

  • O desenvolvemento dun ecosistema aeroespacial sólido

  • A transformación do talento e a innovación en empresas viables

  • O deseño dun programa público de incubación e aceleración con impacto real.

Durante a xornada, o equipo da aceleradora aeroespacial, impulsada pola Xunta de Galicia e xestionada por Fundación CEL, compartiu algúns elementos clave do seu modelo. Representantes de Países Baixos, Noruega, Italia, República Checa, Romanía, Serbia, Ucraína e Irlanda interesáronse polos cinco elementos que sustentan o modelo BFAero:

  1. Gobernanza
  2. Implicación de empresas tractoras
  3. Colaboración público-privada
  4. Especialización sectorial
  5. Capacidade de xerar impacto económico e industrial no territorio.

Tras sete edicións, BFAero consolidouse como un dos principais instrumentos de impulso ao emprendemento aeroespacial en España. A súa traxectoria reflicte o valor de combinar apoio institucional, visión estratéxica e conexión coa industria para acompañar a startups tecnolóxicas no seu crecemento e consolidación.

Os resultados avalan ese percorrido:

  • Xeración de máis de 275 empregos cualificados
  • Un total de 14M€ captados polos proxectos apoiados
  • Consolidación dunha rede de colaboración formada por máis de 55 entidades do ecosistema aeroespacial e tecnolóxico.

Detrás destes resultados está o compromiso sostido da Xunta de Galicia, que impulsou o programa integrándoo nunha visión estratéxica de longo prazo como é a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025–2030 (Iesda), dotada con 183 millóns de euros de investimento público e cunha capacidade estimada para mobilizar preto de 900 millóns de euros en colaboración público-privada.

BFAero forma parte activa desta estratexia, contribuíndo ao fortalecemento do ecosistema aeroespacial galego e á proxección internacional de Galicia como territorio de innovación, industria e tecnoloxía.

Binarial, Ventilation Lab, Kreios Space e Lupeon, beneficiarias dos NEXOS que fomentan a I+D+i colaborativa

Binarial, Ventilation Lab, Kreios Space e Lupeon, beneficiarias dos NEXOS que fomentan a I+D+i colaborativa

Varias empresas vinculadas ao ecosistema de Business Factory Aero (BFAero), como Binarial Automatización e Robótica, Ventilation Lab, Kreios Space e Lupeon convertéronse en beneficiarias da convocatoria NEXOS, unha iniciativa de axudas da Xunta de Galicia destinada a fomentar a I+D+i colaborativa entre pemes e centros de coñecemento en sectores estratéxicos. Cun orzamento superior a 20 millóns de euros, os NEXOS buscan impulsar a competitividade, a sustentabilidade e a transformación dixital, mobilizando importantes investimentos en áreas como economía circular, agroalimentación e fabricación avanzada.

En total, catro empresas vinculadas a BFAero participan en proxectos beneficiarios desta convocatoria, dentro dun conxunto de 138 compañías apoiadas, o que supón cerca do 3% do total e reflicte a presenza do ecosistema no programa e a súa contribución á innovación colaborativa en Galicia.

A convocatoria NEXOS apoiará 37 proxectos de I+G+i en colaboración con centros de coñecemento, co obxectivo de impulsar iniciativas de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación organizativa e de procesos. A dotación total é de 22,6 millóns de euros e espérase mobilizar preto de 39,8 millóns de euros entre 2026 e 2028.

Empresas de BFAero participantes

Entre as empresas beneficiarias atópanse varias compañías vinculadas a proxectos impulsados desde BFAero:

  • Kreios Space, S.L. e Lupeon, S.L., participantes no proxecto MANA (Manufactura avanzada para a nova astronáutica), centrado no ámbito da fabricación avanzada aplicada ao sector espacial.

  • Ventilatio Lab, S.L., que participa no proxecto XIADA, enfocado no desenvolvemento de solucións para a xestión intelixente do aire e a desinfección ambiental no ámbito do benestar e a saúde.

  • Binarial Automatización y Robótica, S.L., integrante do proxecto SENSOMARE, orientado á investigación de novas solucións de sensórica avanzada e intelixencia artificial aplicadas á industria pesqueira.

A participación destas empresas pon de manifesto a diversidade de ámbitos tecnolóxicos nos que o ecosistema galego está a desenvolver solucións innovadoras.

Impulso á innovación colaborativa

Os proxectos financiados desenvolveranse mediante agrupacións de empresas formadas por un mínimo de tres e un máximo de seis pemes, co obxectivo de fomentar o traballo colaborativo e a transferencia efectiva de resultados.

Neste contexto, a participación de empresas vinculadas a BFAero reforza o papel do ecosistema como axente activo na xeración de innovación, favorecendo a conexión entre empresas e centros de coñecemento e contribuíndo ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas con impacto en sectores estratéxicos.

Proxectos estratéxicos para Galicia

As iniciativas seleccionadas encádranse nos ámbitos estratéxicos definidos no Plan galego de I+D+i 2025-2027, entre os que destacan a economía circular e a enerxía, a fabricación avanzada, a agroalimentación e o benestar e a saúde.

A convocatoria NEXOS enmárcase no programa Activa I+G+i, que apoia a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados, ao que o Goberno galego destina máis de 40 millóns de euros mediante catro grandes convocatorias.

A presenza de empresas vinculadas a BFAero nesta convocatoria pon de relevo, unha vez máis, a capacidade do ecosistema para xerar innovación e participar en proxectos colaborativos de alto impacto, contribuíndo ao fortalecemento do tecido tecnolóxico e industrial galego.